InicioSociedadeAcusan á Xunta de enviar contaxiados por COVID a un centro de...

Acusan á Xunta de enviar contaxiados por COVID a un centro de dependentes e impedir o acceso a familiares

As familias dos usuarios fan responsabeis ó director da residencia e a Xunta de Galicia de provocar un dano emocional grave nas personas maiores con estas medidas.

PUBLICADO O

A Federación REDE de Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, denuncia que  a residencia “máis grande de Galicia”, CRAPD Vigo I (Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes), está sendo empregada para enviar ás súas instalacións a persoas afectadas por COVID.

Así mesmo, REDE denuncia tamén que a dirección do centro comunicou ás familias das persoas usuarias da CRAPD Vigo I (300 prazas e cinco andares), que pecha o acceso a dito centro por culpa de oito contaxios. Ditos contaxios están sendo asistidos no primeiro andar da residencia, denominada Unidade COVID. Nun comunicado, REDE informa que as persoas contaxiadas son maiores usuarios doutra residencia, a CRAPD Vigo II (148 prazas), que está a case un quilómetro de distancia. As dúas residencias son de propiedade e xestión públicas.

Desde a Federación REDE informan da indignación entre as familias dos e das usuarias destas residencias. Acusan tanto á administración galega como a direccióndo centro de estar vulnerando “as diferentes normativas que regulan a actividade dos centros sociosanitarios en tempos de COVID”. Os familiares cualifican a información do equipo directivo de CRAPD Vigo I de “pueril e tramposa”, pois aseguran que desde o centro recorreron a unha presunta fase cero “que remite á desescalada de maio, un proceso xa superado”.

Por outra parte, acusan á dirección do centro de transmitir o anuncio o pasado venres día 13 de novembro, sen indicar a duración do peche, só que o luns 16 de novembro se estudaría a reanudación das visitas.  Así mesmo, REDE, informa que ese venres día 13 ingresaron na Unidade Covid 4 persoas maiores que deran positivo nas probas efectuadas no CRAPD Vigo II. A estas catro  sumáronse outras catro persoas con positivo en COVID na mesma unidade. Todas procedían do CRAPD Vigo II.

Familiares do CRAPD Vigo I sinalan que “non rexeitamos a asistencia a estas persoas contaxiadas”, con todo non se pode “torpedear os dereitos das 300 familias que foron expulsadas da residencia dun xeito inopinado e inmisericorde”.

Por último, sobre a apertura da residencia integrada El Magnolio (Bodía) para persoas maiores positivas por COVID procedentes doutros xeriátricos, REDE indica que “nestes momentos El Magnolio non está nin ó 50% da súa ocupación total, e boa parte das usuarias proceden da residencia DomusVi Ribadumia”.

Como consecuencia, máis dunha decena de denuncias e reclamacións foron enviadas esta fin de semana ás inspeccións da Consellería de Política Social e á dirección da CRAPD Vigo I. Piden a retirada da prohibición de entrada aos familiares na residencia e investigar en que condicións se realizaron os traslados das persoas contaxiadas. Os familiares engaden tamén que existe “unha vontade de acoso ás familias por parte da dirección do CRAPD”.

COMPARECENCIA DA CEO DE DOMUSVI NO PARLAMENTO

A Federación REDE manifestou o seu “estupor polo acontecido na comparecencia de Josefina Fernández Miguélez” durante a comisión para a reactivación económica social e cultural que tivo lugar no Parlamento este pasado venres 13 de novembro. REDE avalía a comparecencia de Fernández Miguélez como unha “mostra de lealdade a si mesma e ao PP”.

A Federación de familiares e usuarios de residencias, remarcou que a “única verdade que dixo a comparecente foi que era CEO de DomusVI”. A partires de aí “nin unha verdade nin unha autocrítica, dando por bos os case 2000 mortos nas súas residencias, froito da súa xestión”.

REDE tamén criticou a actitude do presidente da comisión parlamentaria, Diego Calvo, do PP. Calvo interviu tras a intervención do PSOE, “desculpándose 5 veces seguidas incluso en nome de todo o parlamento, humillándose, ante Josefina de forma pusilánime e impropia dun representante público”.

O motivo segundo REDE foi porque o representante do PSOE lle preguntou sobre cousas que correspondería investigar ao goberno galego pero non o fai. Entre outras, o pago de impostos en paraísos fiscais, “as condicións laborais raiando o escravismo das súas traballadoras”, o feito de que as súas residencias foran das mais mortais ante o COVID e sigan a ser as de maior numero de contaxios. Tamén tratou sobre o abandono que sofren os anciáns e dependentes nos centros DomusVi froito dos seus incumprimentos legais.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...