InicioSociedadeXa son 46 casos activos no Porriño e a alcaldesa asegura que...

Xa son 46 casos activos no Porriño e a alcaldesa asegura que a situación é “preocupante”

García de la Torre constatou que a situación da pandemia no Porriño é "verdadeiramente preocupante" e lembrou que a localidade permanece desde hai varios días en nivel de alerta 3.

PUBLICADO O

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, admitiu este mércores que a evolución da pandemia de COVID-19 neste municipio é “preocupante”, tras confirmarse que o número de casos positivos é de 46.

A rexedora explicou que, segundo lle trasladou a Consellería de Sanidade este mércores, o número de persoas afectadas pola infección neste municipio de pouco máis 20.000 habitantes é de 46. Deles, precisou, 19 contaxios rexistráronse entre o luns e o martes.

García de la Torre constatou que a situación da pandemia no Porriño é “verdadeiramente preocupante” e lembrou que a localidade permanece desde hai varios días en nivel de alerta 3, segundo os datos publicados polo Sergas (e coloreada de vermello no mapa de incidencia de COVID).

A ese respecto, subliñou que, precisamente, esa mala evolución é a que fixo que o Concello adoptase medidas para evitar a reunión de persoas que non garden distancias de seguridade, como o peche de parques infantís, “non polos nenos, se non polos maiores”; ou a prohibición de público nas competicións deportivas.

“Sei que ás veces é difícil aceptar esas medidas, pero eu, como responsable do que ocorra no concello do Porriño, teño que tomar esas decisións para velar pola saúde de todos”, proclamou.

TUI E SALCEDA DE CASELAS

Por outra banda, outro dos municipios do sur da provincia que se mantén en nivel de alerta 3 é Tui, onde se rexistraron máis de 21 contagios na última semana. Neste concello, e tras detectarse 3 casos de COVID no persoal municipal, realizouse un cribado de todos os traballadores.

Segundo informou o Concello tudense, nas últimas horas confirmouse un cuarto contaxio, mentres que o resultado das probas serológicas do resto de traballadores foi negativo.

En Tui mantéñense as medidas preventivas establecidas a pasada semana: peche de instalacións municipais deportivas e culturais, cita previa para a atención no consistorio, e quendas rotatorios dos funcionarios.

Así mesmo, en Salceda de Caselas (tamén en nivel 3 e en cor vermella no mapa do Sergas), a alcaldesa, Loli Castiñeiras, confirmou a adopción de medidas restritivas: minimizaranse” as actividades deportivas e culturais, pecharanse os parques infantís e biosaludables, intensificarase a vixilancia policial e o mercado dos mércores cinguirase só aos postos de produtos agroalimentarios.

A rexedora sinalou que, segundo os datos trasladados polo centro de saúde, Salceda conta con 16 casos activos de COVID, e lamentou que a Consellería de Sanidade non informe directamente ao goberno local con “datos precisos” sobre a evolución da pandemia. En todo caso, fixo un chamamento á calma, porque “a situación está controlada” e pediu cumprir as restricións de maneira “estrita”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...