Ratificada a nulidade dos servizos mínimos na folga de bombeiros de Vigo

Cuestionado acerca desta última sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, eludiu pronunciarse, argumentando que descoñece o contido da resolución do TSXG.

Desinfeccion do cunqueiro polos bombeiros © Miguel nuñez

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto polo Concello de Vigo contra a sentenza que anulou os servizos mínimos decretados na folga de bombeiros da cidade e ratificou dita resolución.

O pasado mes de febreiro, o xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo ditou sentenza na que declaraba ilegal o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno local vigués con motivo da folga indefinida convocada por CUT e CIG no servizo de bombeiros.

Nesa resolución, o xuíz determinaba que o decreto “baleira de contido o exercicio da folga” xa que, na práctica, os servizos mínimos impostos correspondíanse cos efectivos que desenvolven o seu labor no servizo de bombeiros de forma habitual e ordinaria.

O Concello de Vigo recorreu a sentenza e, agora, o alto tribunal galego desestimou o recurso e validou a sentenza de primeira instancia (ditada tras un contencioso interposto polo sindicato CIG).

O TSXG incide en que a proposta de servizos mínimos recolle 20 efectivos e un xefe en funcións. “Casualmente ese número de efecivos é o mesmo que, desde o acordo de Xunta de Goberno Local de 10 de maio de 2010, establécese para o servizo ordinario diario (…), por máis números que faga o Concello demandado no seu afán de confundir a realidade“, sinalou na súa sentenza.

O servizo de bombeiros de Vigo está en folga desde agosto de 2019, para demandar máis persoal e para denunciar as súas condicións laborais.

Os sindicatos CIG e CUT recorreron un decreto do goberno local que anulaba os seus descansos e impúñalles a realización de horas extras, e os tribunais déronlles a razón, tanto en primeira instancia como o propio TSXG.

Con todo, criticaron que non se produciron avances no diálogo co goberno vigués para pór solución á súa situación. De feito, a CIG interpuxo unha denuncia por vía penal pola actuación dos responsables municipais.

VALORACIÓN DA CIG

O secretario comarcal do sindicato nacionalista, Alberto Gonçalves, sinalou que a última resolución do TSXG, sobre os servizos mínimos, é “un novo pau xudicial” ao goberno de Abel Caballero, ao que esixiu que sente a dialogar e “deixe de xogar coa seguridade” dos cidadáns e dos funcionarios.

Segundo advertiu, “Vigo non pode ter un servizo de bombeiros á conta de miles de horas extras e privando do descanso ao persoal”, e subliñou que “este conflito non se vai a resolver con xordeira nin autoritarismo”, como pretende o goberno local. “Se Elena Espinosa (concelleira de Seguridade) non quere ser parte da solución, que se aparte, e que deixe de ser parte do problema“, proclamou, e apuntou que a CIG seguirá defendendo ao colectivo de bombeiros da cidade.

Cuestionado acerca desta última sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, eludiu pronunciarse, argumentando que descoñece o contido da resolución do TSXG.