InicioVal MiñorNigránNigrán apraza varias actividades tras entrar en nivel vermello polo aumento de...

Nigrán apraza varias actividades tras entrar en nivel vermello polo aumento de contaxios

Desde o Concello fan un chamamento a cumprir todas as indicacións das autoridades sanitarias.

PUBLICADO O

O Concello de Nigrán suspendeu as actividades que tiña programadas en próximos días no Auditorio Municipal e as de voluntariado nas dunas de Panxón, e tamén aprazou os talleres para maiores tras confirmarse a súa entrada no nivel vermello de incidencia de coronavirus (por rexistrarse máis de 21 contaxios nos últimos sete días), segundo o mapa que publica o Sergas.

Neste escenario, o goberno local comunicou a súa decisión de cancelar esas actividades “por responsabilidade e ante o aumento no número de contaxios”.

Así, aprazouse ata novo aviso a sesión de cineclub do xoves e a representación teatral de ‘Lume!’ o sábado, ambos os dous eventos previstos no Auditorio Municipal. Do mesmo xeito, aprazouse a sesión de teatro do xoves o IES Proval e a actividade de voluntariado do GALP na contorna das dunas de Panxón.

O Concello comunicou tamén o adiamento dos talleres de memoria para maiores que se fan o Centro da Terceira Idade e as probas do circuíto galego de Surf na praia de Patos. “Todo será reprogramado unha vez que a situación sanitaria mellore”, informaron desde o consistorio.

O alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que, a pesar da entrada en nivel vermello de alerta, non coñece os casos concretos de COVID-19 na localidade. En todo caso, sinalou que “o importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como os veciños veñen facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”. “Como repetimos desde marzo: paciencia, agarimo e calma”, pediu o rexedor.

Desde o Concello de Nigrán fixeron un chamamento a cumprir todas as indicacións das autoridades sanitarias, especialmente no relativo ás restricións en reunións, que non deben exceder as 10 persoas.

Finalmente, lembraron que, a través da súa mutua, realízanse cribados periódicos voluntarios entre o persoal municipal. As últimas probas leváronse a cabo a pasada semana con dez persoas que estiveron en contacto cun concelleiro contaxiado (todos os tests deron resultado negativo).

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...