Polémica científica internacional por un estudo da UVigo sobre as terrazas fluviais do Baixo Miño

Un grupo de investigadores critica o traballo liderado por un científico da Universidade de Vigo por “numerosos erros” e acúsano de usar de xeito “incorrecto” os estudos que fixeron antes que el.

Modelo sintético dos niveis de terrazas fluviais na conca baixa do río Miño coa súa proposta cronolóxica / Eduardo Méndez.

INFORMACIÓN COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

Un estudo sobre a secuencia sedimentaria cuaternaria “máis completa de Galicia”, a das terrazas fluviais da conca baixa do río Miño, motivou unha resposta crítica dun grupo internacional de investigadores, que reproban “numerosos erros” e “afirmacións falsas” nos resultados presentados, que circularon por distintos medios.

O estudo cuestionado, titulado ‘A multidisciplinary overview of the lower Miño River terrace system’ (‘Unha visión multidisciplinar do sistema de terrazas do baixo Miño’), publicouse en abril de 2020 na revista científica Quaternary International. Trátase dun traballo liderado polo investigador Eduardo Méndez Quintas, do Grupo de Estudos de  Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, co apoio de investigadores adscritos ao IDEA (Instituto de Evolución en África) da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), a Facultade de Ciencias Físicas da Universidade de Adelaida (Australia) e o Centro Australiano de Investigación para a Evolución Humana.

Neste traballo, os autores recolleron a secuencia sedimentaria cuaternaria das terrazas  fluviais da conca baixa do río Miño, que “non son outra cousa que as antigas beiras do río penduradas ao longo dos laterais do val, desde as máis altas e antigas ata más máis baixa e recentes”. Isto permitiu identificar “a existencia dun importante rexistro sedimentario que abrangue, cando menos, o último millón de anos, no que é un rexistro único a escala galega”, destacou Méndez trala súa publicación.

O seu traballo recolleu “parte dos resultados das investigacións xeolóxicas e arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos anos na conca do río Miño ao seu paso pola provincia de Pontevedra”, permitindo unha clasificación e mapeo “máis detallados” das principais formas fluviais, así como a datación numérica dalgúns dos depósitos, especialmente os asociados a lugares con ocupación paleolítica. Entre eses traballos previos recollidos no estudo están os dos investigadores que agora critican o estudo dirixido por Méndez.

CRÍTICAS

Os resultados do estudo son agora cuestionados na mesma revista por científicos do Grupo de Investigación en Xeología Sedimentaria da Pontificia Universidade Católica do Perú, a Facultade de Ciencias da Xeoinformación e Observación da Tierra da Universidade de Twente (Países Baixos), do Departamento de Ciencias da Tierra da Universidade Libre de Amsterdam, do Grupo de Xeografía do Solo e da Paisaxe da Universidade de Wageningen (Países Baixos), do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña e do Centro Europeo de Investigación e Ensinanza de Xeociencias Ambientais da Universidade de Aix-Marsella (Francia).

Segundo estes científicos –cuxo traballo no Miño serviu como base para a investigación do grupo de Méndez–, o estudo liderado polo investigador da Universidade de Vigo presenta unha “interpretación incorrecta dos datos que presenta”, ademais de incluír citas destes autores críticos co traballo “incorrectas e selectivas”, o cal, na súa opinión, “conduciu á produción dunha publicación que contén numerosos erros”.

INFORMACIÓN COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here