Marea de Vigo denuncia a “total impunidade” das casas de aposta en Vigo a pesar da covid

Xogo
Centro comercial novo Casino De Vigo © Miguel Nuñez

O grupo municipal Marea de Vigo denunciou este venres a “total impunidade” das casas de xogo, apostas e casinos na cidade, e advertiu da súa “proliferación” como alternativa de lecer nocturno, ao dispor de servizos de restauración.

A concelleira de Marea, Oriana Méndez, trasladou a oposición deste grupo ao criterio esgrimido pola Xunta de non restrinxir os horarios de peche destes locais, ao entender que “non hai interacción entre clientes”. Segundo Méndez, isto demostra “a clara influencia do ‘lobby’ do xogo sobre as decisións sanitarias e lexislativas que toma a Xunta”.

A edila subliñou que, xa a finais de agosto, Marea denunciou que diversos negocios deste sector “estaban a servir alcol como alternativa ao peche de locais de lecer nocturno”, o que confirmaba “a patente de corso da que dispoñen os establecementos de xogo“, amparados pola normativa autonómica e polo propio Concello, que “non levou a cabo medida algunha”.

Ademais do “agravio” para a hostalaría local, Marea sinalou que a norma da Xunta resulta “absolutamente incoherente” porque obriga a pechar a restaurantes e locais de lecer ás 1,00 horas, mentres que permite que outro tipo de establecementos permanezan abertos.

Todas estas cuestións serán trasladadas por Marea de Vigo ao director xeral de Ordenación do Xogo, Mikel Arana, con quen manterán unha reunión o vindeiro martes, e a quen informarán tamén da “proliferación” de casas de apostas na cidade durante os últimos anos.