InicioSociedadeArrinca un curso caracterizado pola prevención e a seguridade na UVigo

Arrinca un curso caracterizado pola prevención e a seguridade na UVigo

A institución faralles probas PCR ao persoal e ao alumnado e instalará códigos QR nas aulas .

PUBLICADO O

Comeza oficialmente o curso 2020/2021 na Universidade de Vigo. Será un curso de moitos cambios no que se fará todo o necesario para evitar que as súas escolas e as súas facultades sexan un foco de contaxio e de expansión pola covid-19. Probas PCR para o persoal e o alumnado, ampliación de aulas, creación de novos espazos para a docencia, instalación de códigos QR á entrada das clases… son algunhas das accións que se van realizar neste curso «extraordinario».

A pesar de todo o acontecido, a institución académica viguesa está a acadar este curso uns excelentes resultados de matrícula, o que, ao xuízo do reitor, Manuel Reigosa, quere dicir que a cidadanía foi quen de percibir a preocupación da institución, tanto polos temas de seguridade, «algo prioritario nestes momentos», como por garantir unha docencia de calidade. «É importante que sexamos quen de formar os nosos alumnos e alumnas coas mesmas competencias que terían nun curso normal», subliña Reigosa, quen fai fincapé en que o curso pasado as cousas se fixeron sobre a marcha, con moito esforzo por parte de todo o PDI, o PAS e o alumnado, «un esforzo común que permitiu rematar o curso con éxito».

CAMPUS INTEGRA DE APOIO Á DOCENCIA

O curso que arranca compaxinará a docencia presencial co sistema mixto que alternará as clases na aula coa virtualidade. Para facelo posible, a Universidade de Vigo creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade. Deste xeito, proporciónase o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixta ou totalmente telemática), posibilitando a docencia simultánea ao alumnado na aula física e na aula virtual. Para conseguilo, as aulas e os espazos adicionais como os salóns de actos ou de graos contarán con equipos persoais como ordenadores ou tabletas, que darán soporte a un «encerado virtual» visible simultaneamente polo alumnado presente na aula e por aquel que siga as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Estes dispositivos permitirán tamén a docencia desde o domicilio do profesorado se nalgún momento é necesario.

Códigos QR nas aulas da Universidade de Vigo / UVigo
Códigos QR nas aulas da Universidade de Vigo / UVigo

CÓDIGOS QR NAS AULAS

Entre as principais medidas de actuación nos centros destaca a dotación de códigos QR nas aulas. A idea é que cada aula teña o seu propio código identificativo e que cada estudante ou docente que entre cargue a fila e o asento no que está sentado. Isto permitirá, no caso de precisarse, rastrexar con facilidade todas as persoas usuarias. Ademais disto, cada clase vai ter marcados os asentos que poden empregar para garantir a distancia de metro e medio e a recomendación é empregar sempre o mesmo asento. No caso das prácticas de informática, as aulas están preparadas para que cada posto estea individualizado con anteparo transparente e cada estudante deberá, antes de empregar o ordenador, colocar un film plástico sobre o teclado e o rato que botará ao lixo unha vez finalizada a clase nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto.

PROBAS PCR A PERSOAL E ALUMNADO

A Universidade de Vigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal. Serán arredor de 3000 persoas as que se someterán a estes tests, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación (de predoutoramento, con financiamento da Xunta de Galicia ou do Estado etc.). En palabras do reitor, «a idea fundamental é facer unha especie de foto fixa de como se atopa a universidade nada máis arrancar o curso».

As probas levaranse a cabo empregando o innovador test masivo PCR sobre a saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro coa colaboración de Jacobo Porteiro, investigador da Escola de Enxeñería Industrial e do Cintecx.  Este método permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicándose así a capacidade de avaliación.  É, a xuízo do equipo de goberno, unha aposta pola seguridade e pola prevención da comunidade universitaria e das súas familias.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...