Denuncian a volta ás “malas prácticas” en DomusVi cunha concentración diante da súa sede

Traballadoras de DomusVi consideran que os falecementos de usuarios son en parte responsabilidade das neglixencias coas que opera a empresa.

Protesta de traballadoras de DomusVi en Ribadumia

O colectivo de Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA) convocou unha concentración diante da sede nacional de DomusVi en Vigo para este martes ás 19:00. A concentración está apoiada por colectivos de familiares das residencias da área olívica englobadas na Federación REDE.

As traballadoras sinalan por unha parte que DomusVi é responsable en parte dos falecementos de 150 usuarios nos meses que durou o estado de alarma. Acusan á empresa de malas prácticas e neglixencias durante os últimos anos e por iso que celebran estas concentracións  e manifestacións de maneira periódica tanto traballadoras como familias, desde maio de 2019.

Despois da fase máis aguda da pandemia dentro das residencias do grupo que presiden Josefina Fernández, as traballadoras denuncian que se está volvendo aos “mecanismos antigos” de malas prácticas. A máis salientable é a falta de persoal suficiente e a ausencia de reforzos para o mesmo. Xunto a isto está a falta de descanso das traballadoras que estiveron catro meses atendendo aos usuarios e “convivindo co contaxio e a desgraza da morte de persoas vulnerables”.

Ante todo isto, as traballadoras piden o aumento das contratacións laborais que permitan aliviar a carga de traballo. Por outra parte, tamén alertan que a volta á normalidade pode traer de novo riscos sanitarios que poñen en perigo aos e ás usuarias e que “basta xa de que o paguen coa vida os anciáns”. As traballadoras lembran que dentro das residencias do grupo DomusVi morreron máis de 150 persoas maiores, “o 60% do total de decesos que houbo nas residencias de Galicia desde marzo”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here