InicioSociedadeA familia de Déborah Fernández lamenta "o trato" e a "falta de...

A familia de Déborah Fernández lamenta “o trato” e a “falta de interese” de Policía e Interior por aclarar o crime

Pediron ao ministro Grande-Marlaska "que interveña" para que Homicidios atenda as súas peticións de información.

PUBLICADO O

A familia da moza viguesa Déborah Fernández Cervera, cuxo cadáver foi localizado a finais de abril de 2002 nunha cuneta no Rosal, días despois de desaparecer, lamentou “o trato” e a “falta de interese” por parte da Dirección Xeral da Policía e do Ministerio do Interior na investigación xudicial, reaberta a finais de 2019, para esclarecer este crime.

A través dun comunicado, esta familia explicou que, tras varias peticións infrutuosas á Policía, así como outras xestións, para conseguir que se remitan ao xulgado certos informes sobre o caso, tiveron que dirixirse directamente ao Ministerio do Interior.

Nunha carta enviada polos avogados dos Fernández Cervera, pediron ao ministro Grande-Marlaska “que interveña” para que o Grupo de Homicidios atenda as peticións desta parte.

Así, lembraron que reclaman que se facilite á familia ou á xulgado información sobre a recollida e análise do computador e o teléfono móbil da vítima, e que se investigue a actuación de certos axentes policiais polos seus posibles vínculos (e filtración de información) cunha persoa que era sospeitosa do crime.

A familia obtivo, como resposta do Gabinete do Ministerio, o compromiso de remitir as súas peticións á Dirección Xeral da Policía. Na mesma resposta, a directora do Gabinete expresa que lamenta que “as xestións realizadas para o esclarecemento do caso de momento fosen infrutuosas”.

Os achegados da moza Déborah Fernández expresaron o seu “enorme malestar e desilusión” por esta resposta, e reiteraron que reclamarán as responsabilidades oportunas ao Estado pola “neglixente” actuación da Policía neste caso.

CRIME SEN RESOLVER

O Xulgado de Instrución número dous de Tui reabriu a finais de 2019 o caso de Déborah, 17 anos despois do asasinato da moza, para proceder á práctica de novas actuacións. Desde entón, varias testemuñas declararon ante a xuíza.

Déborah Fernández-Cervera (21 anos) desapareceu a finais de maio de 2002, despois de saír a correr pola zona de Samil en Vigo. O seu corpo foi atopado espido dez días despois nunha cuneta no concello O Rosal, a uns 40 quilómetros de distancia.

A súa familia puxo en marcha a principios do ano pasado unha campaña na plataforma ‘Change.org’ que recolleu máis de 230.000 firmas para que se reabrise o caso Déborah, que foi arquivado en 2010, sen que se chegase a deter ou a imputar formalmente a ninguén.

ÚLTIMAS

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

A Fundación Secretariado Xitano denuncia as discriminacións contra o seu colectivo

A Fundación Secretariado Xitano (FSG) presentou ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández...

O TSXG confirma a condena a comuneiros de Cabral, que deben reverter as obras dun parking en Peinador

OO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de...