InicioSucesosConstrucuatro deberá pagar 3,7 millóns de euros por sobreprezos ilegais nos pisos...

Construcuatro deberá pagar 3,7 millóns de euros por sobreprezos ilegais nos pisos de Navia

O avogado dunha parte dos denunciantes, Antonio Salceda, explicou que traballará agora na execución da sentenza, pero non ten moitas esperanzas de cobrar no próximo ano.

PUBLICADO O

A sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo ratificou a sentenza do TSXG sobre o cobro de sobreprezos por parte da promotora Construcuatro (da que foi socio o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín), na venda de pisos no barrio vigués de Navia e, por tanto, confirma que a empresa debe pagar a sanción de case 2,5 millóns de euros imposta pola Xunta, así como devolver máis de 1,2 millóns aos propietarios prexudicados.

Segundo confirmou o avogado dunha parte dos denunciantes, Antonio Salceda, o TS desestima o recurso de casación que Construcuatro interpuxera contra a sentenza do TSXG que daba a razón aos propietarios.

Así, a empresa deberá abonar a multa imposta no seu día por vía administrativa, devolver o diñeiro aos compradores e, ademais, ten prohibido participar en promoción de vivenda pública en Galicia durante 6 anos.

Salceda explicou que, xunto aos seus defendidos, traballará agora na execución da sentenza e, aínda que expresou a súa esperanza de que os denunciantes poidan cobrar antes dun ano, recoñeceu que será complicado.

En todo caso, fixo un chamamento á administración autonómica e ás instancias xudiciais para que os 30 veciños que denunciaron o cobro deses sobreprezos “sexan os primeiros” en recuperar o seu diñeiro. A ese respecto, lembrou que, na causa, figuran 62 afectados, dos que só unha trintena decidiu denunciar ante a Xustiza.

12 ANOS DE LITIXIO

Este procedemento iniciouse por mor dunha denuncia interposta a finais de 2006 por dous afectados, que puxeron ao descuberto o cobro de sobreprezos por parte de Construcuatro, a través de intermediarios, e que xustificaban en base a supostas melloras nos pisos protexidos que vendían en Navia.

Ese diñeiro, entre 10.000 e 35.000 euros, segundo os casos, non figuraba nin no contrato de venda nin na escritura dos inmobles, senón que era unha especie de ‘pago en negro’.

A propia empresa, aínda que negou os feitos, recoñeceu implicitamente os pagos, sinalou Antonio Salceda, ao realizar posteriormente unha declaración complementaria a Facenda, “para eludir o delito fiscal”.

Aínda que a denuncia foi arquivada pola vía penal, ao considerar o xulgado que non había indicios suficientes de engano, a Xunta impuxo unha sanción xa que, segundo lembrou o avogado, “a lei é clara e taxativa: non se pode cobrar sobreprezo nun piso protexido por ningún motivo”.

Construcuatro recorreu esta sanción, pero o TSXG confirmou a multa de case 2,5 millóns e a obrigación de devolver 1,2 millóns cobrados indebidamente aos compradores. A empresa recorreu en casación ante o Supremo, pero éste acaba de pronunciarse, e ratifica a resolución o alto tribunal galego, 12 anos despois de que se iniciase todo o proceso.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...