Piden a retirada das pistolas Taser da Policía Local de Moaña polo “risco” para os cidadáns

A CUT apela a informes contra a súa incorporación como arma nos dispositivos policiais pola súa alta letalidade".

Pistola Taser / Junglecat en Wikimedia.

A Unión Comarcal da CUT no Porrazo reclamou a “inmediata retirada” das pistolas eléctricas incorporadas ao material da Policía Local polo “risco” existente para a cidadanía co seu uso.

A posta a disposición destes elementos para o seu uso por parte de funcionariado municipal “é inaceptable” para a central, que advirte de que “numerosas organizacións internacionais e galegas para a defensa dos dereitos civís e políticos xa se pronunciaron reiteredamente contra a súa incorporación como arma nos dispositivos policiais pola súa alta letalidade”.

Así, sostén a CUT, o Comité contra a tortura da ONU “denunciou hai 10 anos que pola intensa dor que causan pode ser consideradas unha forma de tortura”, e a organización Amnistía Internacional “cuantifica en 700 as mortes causadas de maneira directa ou ben indirecta en países que desde inicios de século normalizaron o seu uso, como EEUU, Canadá ou Francia.