InicioSociedadeA CUT recorre o auto do TC que impedía a manifestación do...

A CUT recorre o auto do TC que impedía a manifestación do 1 de maio en Vigo en coche

O sindicato considera que o Pleno do TC ten "a última oportunidade de corrixir unha resolución restritiva e regresiva".

PUBLICADO O

A Central Unitaria de Traballadores (CUT) presentou este luns un recurso contra o auto da Sala Primeira do Tribunal Constitucional (TC) que confirmaba a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de non permitir a manifestación do 1 de maio en Vigo, a pesar de que se trataba dunha marcha en coche pola cidade, cunha única persoa por vehículo.

En concreto, o sindicato rexistrou un recurso de súplica contra a inadmisión a trámite dun recurso de amparo, porque considera que debe haber “un pronunciamento do Pleno do Constitucional” antes de, tal e como advirte, levar este asunto ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

E é que, mentres noutros países como Portugal se autorizaban as manifestacións do Día Internacional da Clase Traballadora, en España “o que está en liza é o propio status democrático” do Estado, asevera a Central, porque se valida “unha suspensión total do dereito de reunión e manifestación mentres dure o estado de alarma”.

En concreto, foi a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a que desestimou o permiso para esta protesta, o que posteriormente confirmarían o TSXG e a Sala Primeira do TC. Neste último órgano, foi o presidente, Juan José González Rivas, quen tivo que decidir co seu voto de calidade debido á división dos maxistrados.

O recurso de súplica que agora presenta a CUT apunta que a xustiza “non pode substituír a falta de motivación das resolucións da autoridade administrativa” –neste caso, a Subdelegación do Goberno–, aínda que tamén lamenta que o Constitucional “perda de vista a primordial protección do dereito de manifestación e a súa propia doutrina”.

Por iso, o sindicato considera que o Pleno do TC ten “a última oportunidade de corrixir unha resolución restritiva e regresiva”. De non facelo, advirte que pedirá a intervención do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por violación do artigo 11 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

AUTO DO CONSTITUCIONAL

No seu auto, con data a 30 de abril, o Constitucional lembraba que o estado de alarma non permite a suspensión de dereitos “aínda que si a adopción de medidas que poden supor limitacións ou restricións ao seu exercicio”, como é o caso da limitación de circulación ou a permanencia de persoas ou vehículos en lugares determinados.

Para facer o seu xuízo de ponderación neste caso concreto, o Constitucional aludía ao impacto da infección do Covid-19 na cidade de Vigo, con 808 casos activos a día 29 de abril.

Así, os maxistrados consideraron o dato de “suma importancia” á hora de valorar o risco dunha manifestación na que non se previron medidas de control da transmisión do virus específicas, nin destinadas a compensar a previsible concentración de automóbiles que podería producirse se existise unha masiva resposta a convocotaria.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...