Como se contaxiaron os maiores da residencia de Panxón, supostamente “limpa e illada”?

O Sergas confirma que non lle fixo ningunha proba previa aos sanitarios que mandaron a Panxón

Un dos residentes de DomusVi Barreiro trasladado á Residencia Tempo Libre da Xunta en Patos - Nigrán | © Miguel Nuñez
Un dos residentes de DomusVi Barreiro trasladado á Residencia Tempo Libre da Xunta en Patos - Nigrán | © Miguel Nuñez

Como e cando se contaxiaron os dous maiores que estaban na residencia de tempo libre que a Xunta ten en Panxón?. Esa é a gran pregunta que se están facendo técnicos do Sergas tras detectarse dous contaxiados, dun total de 22, de maiores que foron trasladados a un centro supostamente “limpo e illado” tras pasar varias probas nas que deron negativo.

Este martes confirmábanse os dous casos nunha residencia que, en principio estaba concibida para illar aos maiores sans doutras residencias con gran número de contaxios na provincia de Pontevedra, a DomusVi Barreiro de Vigo e a DomusVi Aldán, de Cangas, ambos os centros intervidos pola Xunta.

Política Social confirmaba o martes que cada un dos residentes traslados a Nigrán foi sometido a tres probas (2 PCR e unha de anticorpos), e todos eles deron negativo. Pero durante a fin de semana tres dos pacientes tiveron síntomas febrís e respiratorios. Foron derivados ao hospital e confirmaronse dous positivos.

Corina Porro na recepción aos anciáns trasladados á residencia Tempo Libre de Patos © Foto Miguel Núñez

A Xunta insiste en que que “tanto os usuarios como o persoal da residencia de Patos seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distancia recomendados polas autoridades sanitarias”. Sanitarios apuntaban a este medio que comezaron a traballar sen que se lle realizara ningunha proba. Familiares falaban xa de que este centro ía ser unha “bomba”. Tamén CIG-Administración denunciou que aos traballadores non se lle fixeron test ata o 8 de abril.

Por iso este medio preguntoulle a Núñez Feijóo na rolda de prensa telemática deste mércores se aos traballadores e sanitarios do centro de Patos tamén se lle fixeran probas previas antes da chegada dos maiores. “Non sei a resposta”, dixo.

FEIJÓO INSINÚA QUE OS ANCIÁNS PODEN SER PORTADORES

Con todo, aludiu a que a velocidade de incubación do virus é variable segundo as persoas, polo que “non se pode descartar” que algún dos residentes trasladado a Nigrán xa estivese incubando o virus, no que agora “deu positivo”.

Así, apelou a ser “cautelosos” e sinalou que, aínda que pode ser “que o virus xa acompañase” aos diagnosticados na residencia de Nigrán, tamén “pode ser que non” e que “se collese” no propio centro. “É o que temos que pescudar e por iso estamos testando ás persoas que están nesa residencia, igual que testamos ao 40% das máis de 22.000 persoas que están neste tipo de centros en Galicia”, concluíu.

ACLARACIÓNS

Posteriormente, fontes da Xunta aclararon que, efectivamente, o Sergas non lles fixo as probas aos traballadores e sanitarios do centro de Panxón ata que se coñeceu que podía haber casos positivos entre os maiores.

Con todo, aclarou que realizou de novo probas diagnósticas a todos os maiores que se atopan na residencia de Nigrán, así como a todo o persoal. Aínda que quedan por coñecer algúns resultados, en concreto catro traballadores, polo momento todas as probas analizadas “deron negativo”.

Sanidade incidiu en que tanto os usuarios como o persoal do centro de Patos “seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distanciamento recomendados“. “Se desinfectaron as instalacións, dotouse o centro de profesionais sanitarios, someteuse a todo o persoal e aos residentes ás probas necesarias e, durante os primeiros días e tras o traslado, mantívose o illamento recomendado polos profesionais sanitarios”, aseguraron fontes da Consellería.

Por iso, defendeu o traslado de maiores sans desde os centros xeriátricos á Residencia de Tempo Libre da Xunta en Patos, Nigrán (Pontevedra), unha medida baseada en criterios “científicos e sanitarios”, e sinalou que a aparición de dous casos positivos de coronavirus nesa residencia non debe vincularse á decisión do traslado.

2 COMENTARIOS

  1. Mira que lles costaba moito traballo facer pasar á plantilla polo Meioxeiro a facer as PCRs que tanto cacarearon hai máis de 20 días, vendendo a moto de que Galicia facía miles de PCRs diarías sen baixarse do coche (?)

    Pero cae antes un mentiroso ca un coxo !!!

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here