Decretan liberdade provisional para outro detido polo narcosubmarino de Cangas

O investigado para o que se acepta a liberdade deberá pagar unha fianza de 50.000 euros.

Axentes da Policía e da Garda Civil descargan cocaína do narcosubmarino afundido á entrada da ría de Aldán, en Cangas (Pontevedra) , en novembro de 2019.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press - Arquivo

A xuíza de instrución número 1 de Cangas ditou auto polo que decreta a liberdade provisional para outro dos investigados en relación co narcosubmarino afundido o pasado novembro á entrada da ría de Aldán con 3 toneladas de cocaína. Trátase de Iago R., que poderá saír de prisión previo pago dunha fianza de 50.000 euros.

Este investigado é o terceiro dos implicados neste caso para o que se decreta a liberdade provisional, despois de que a maxistrada tamén accedese, o pasado mércores, á excarceración de Enrique Carlos S. e Rodrigo H., en ambos os casos sen impor fianza.

No caso de Iago R., a xuíza entende que, aínda que hai indicios claros da súa participación nun delito de tráfico de drogas, en cantidade de notoria importancia, debe revisarse a medida de prisión provisional porque, unha vez avanzadas as dilixencias, aminorou o risco de fuga e de obstrución á acción da xustiza. No entanto, dada a gravidade dos feitos investigados, impuxo unha fianza de 50.000 euros.

Da investigación realizada ata agora, inférese que este implicado participou na operación do narcosubmarino axudando a outros procesados coa loxística, para o que acompañou a Iago Carlos S. a comprar as roupas e barriñas enerxéticas destinadas aos tripulantes do narcosubmarino. Previamente, ambos tentaron alugar unha embarcación para levar víveres á zona das Illas Cíes, e tamén un camión ou furgoneta para transportar a droga.

MANTEMENTO DA PRISIÓN PARA OUTROS DOUS DETIDOS

Mentres, a xuíza denegou a liberdade para outros dous investigados: Agustín A., un dos tripulantes do semisomerxible; e Iago Carlos S., fillo de Enrique Carlos S. En ambos os casos, a Fiscalía opúxose á excarceración.

No caso de Agustín, a maxistrada lembra que foi un dos tripulantes do narcosubmarino, en concreto, o que conseguiu darse á fuga cando os funcionarios policiais detiveron aos outros dous ocupantes do batiscafo que saíron da auga tras o afundimento (os dous de nacionalidade ecuatoriana). Este investigado foi detido unha semana despois, tras pasar ese tempo oculto nunha especie de cabana, nunha zona forestal de Cangas.

Pero a súa participación non se limitou, segundo a xuíza, só a tripular o narcosubmarino, senón que, nos meses previos, Agustín A. viaxara a Brasil, lugar desde o que, sospeitan os investigadores, se puido enviar a cocaína localizada no artefacto afundido.

Debido a que este home está “máis preto do núcleo da actividade investigada”, a maxistrada denegou a liberdade, en atención á gravidade dos feitos e porque entende que non concorren os motivos para modificar a medida de prisión provisional.

O “HOME DE ATRÁS, O ORGANIZADOR”

Do mesmo xeito, negou a liberdade para Iago Carlos S., que, segundo se recolle no auto, foi quen propuxo a Rodrigo H. participar na operación, e quen lle deu indicacións para que, na madrugada do 24 de novembro, estivese preto da entrada da ría de Aldán, co maleteiro do seu coche cheo de roupa seca e barriñas enerxéticas, para atender aos tripulantes do semisomerxible cando chegasen.

Ademais, as pescudas permitiron confirmar que este investigado era o que se comunicaba co batiscafo, en concreto, con Agustín, ao que chamaba a través dun teléfono satélite, ou ben realizaba contactos por correo electrónico. “Era o home de atrás, o organizador, moito máis que un encubridor”, recóllese na resolución xudicial.