Como no Prestige: alcaldes denuncian que o material achegado pola Xunta está ‘roto, caducado e non esterelizado’

A Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, durante a realización dos paquetes para os concellos da área de Vigo | Foto Xunta
A Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, durante a realización dos paquetes para os concellos da área de Vigo | Foto Xunta

“Ridículo, vergoñento e insultante envío de material de autoprotección para os concellos da provincia de Pontevedra, realizado onte a bombo e platillo pola Xunta de Galicia”, denuncian desde o PSdeG.

Segundo os socialistas, os alcaldes e alcaldesas de toda a provincia recibiron un “paquetiño” que contén material obsoleto, de pésima calidade e mesmo inservible, con algunhas máscaras rotas, outras caducadas dende 2015 e mesmo luvas non estériles ou de uso para perruquería.

“Unha auténtica tomadura de pelo nunhas circunstancias tan dramáticas como as que estamos a vivir nesta pandemia de COVID-19 e nas que, unha vez máis, os concellos se están a converter na primeira liña de batalla” destacan os socialistas pontevedreses que esixen da Xunta de Galicia que se non quere colaborar cos concellos, polo menos non tente utilizalos para a súa propaganda.

Os alcaldes e alcaldesas fan unha apelación á cooperación leal da Xunta de Galicia cos concellos nesta crise sociosanitaria causada polo COVID-19 e pregúntase cando vai aprobar o Goberno galego unha orde de axudas económicas imparciais e obxectivas para os concellos da provincia semellante ás acordadas pola Deputación de Pontevedra, que creou unha partida con axudas específicas por valor de 1,3 millóns de euros e habilitou o adianto do 100% dos 4,2 millóns de euros de tódolos programas sociais e dos 21 millóns de euros da recadación tributaria do ORAL cun fondo de liquidez extraordinario.

Algúns exemplos do material distribuído onte: O Grove recibiu 80 máscaras e 450 luvas; O Porriño, 150 máscaras, 1.600 guantes, unhas gafas e dúas garrafas de lixivia; Tui, 100 máscaras e 550 luvas; O Rosal, 60 máscaras e 350 luvas; Tomiño, 100 máscaras e 650 luvas; A Guarda, 60 máscaras e 350 luvas; Ponte Caldelas, 50 máscaras e dúas caixas domésticas de luvas. E así ata completar a relación de concellos da provincia.

Os alcaldes e alcaldesas lamentaron este novo desprezo da Xunta de Galicia “que cando hai unha situación de emerxencia, xa sexan os incendios de 2017 ou esta pandemia, nunca está”. Moitos insisten en que para o que mandaron “case era mellor que non mandaran nada porque hai cousas que hai que tirar directamente ao lixo e o pouco que vale dá para un día ou dous”. De feito, moitos dos concellos xa teñen adquirido ou conseguido material pola súa conta en mellores condicións e, sobre todo, en moita máis cantidade.

O malestar agrávase polo feito de que os concellos de toda a provincia tiveron que recoller o paquete nas delegacións de Pontevedra e Vigo e asinar un acta de recepción. Algúns alcaldes e alcaldesas cuestionan mesmo que merecera a pena o gasto en combustible.

Os socialistas pregúntanse para que serve o Posto de Mando Avanzado (PMA) que a Xunta de Galicia creou. “Un nome pomposo para un órgano oco toda vez que está presidido por dous políticos oficinistas, como José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, cuxa función consiste en ser axentes electorais do PP na provincia aproveitando a súa condición baleira de delegados territoriais”.

Acusan á Xunta de perverter o Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga), que prevé estes PMA como verdadeiros mandos operativos no territorio en situacións de catástrofe “e non como chiringuitos de propaganda”.

Consideran incualificable o comunicado difundido onte pola Xunta, con foto incluída de Jose Manuel Cores Tourís simulando facer estes “paquetes da vergoña” para os concellos e anunciando un reparto de medios por toda a provincia que queda, na realidade, nunha entrega de refugallo.

Unha entrega coordinada noutras delegacións da Xunta en Galicia.

Corina Porro, Delegada Territorial da Xunta en Vigo

A posta en escea coa entrega de material por parte da Delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, repetiuse noutras provincias galegas do mesmo xeito cos respectivos delegados territoriais de Coruña e Lugo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here