A Policía Local de Vigo denunciou este luns a 35 persoas que infrinxiron o Real Decreto do estado de alarma, co que o número de propostas de sanción tramitadas na cidade, só por este corpo policial, ascende a 249 (desde que entrou en vigor o Real Decreto).
Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, quen afeou o comportamento desas persoas que non cumpren as condicións de confinamento, á vez que lembrou que a gran maioría de vigueses está a acatar as condicións que establece o Real Decreto para previr a expansión do coronavirus. “Quedar en casa é un comportamento heroico”, subliñou.
Entre as persoas denunciadas nas últimas horas, o rexedor detallou que algunhas se atopaban bebendo na vía pública, outras estaban a facer obras nunha segunda residencia e outras nos accesos dunha oficina de Correos, onde había “exceso de afluencia”. Segundo insistiu, o obxectivo da actuación policial “é cooperar para salvar a vida de todos os cidadáns”.