A situación de pánico que se está vivindo en toda España polo coronavirus e, especialmente, en Madrid, está provocando unha inusitada afluencia de persoas procedentes da capital do Estado a zonas costeiras do sur de Pontevedra, principalmente, a puntos turísticos.
Fontes consultadas por Xornal de Vigo, destacan que o fluxo destas persoas notouse a partir desta semana, tras o incremento de casos de coronavirus na Comunidade de Madrid. Moitos dos que están acudindo ás rías baixas son, principalmente, turistas con casa ou chalé de verán. En zonas do Levante xa se decretaron medidas drásticas, como o confinamento en zonas turísticas dos madrileños chegados nos últimos días.
“É xente que ven habitualmente no verán, pero nunca nesta época do ano”, destaca Jose, un comerciante da Guarda. “Algún comentou que marchou de Madrid para evitar o agoio e a histeria que se vive alí“, indica.
“No meu bloque vivimos apenas 3 familias de 6 que somos. O resto son de Asturias, País Vasco e Madrid que só veñen no verán e, agora, están todos aquí”, di Pedro, que vive en Baiona. “Está volvendo moita xente sobre todo xente maior, avós cos seus netos”, apunta. Unha situación que se está facendo habitual en zonas turísticas do Val Miñor, pero tamén do Morrazo e de concellos como Sanxenxo, Portonovo ou O Grove.
Ademais dos turistas tamén están volvendo a Galicia moitos estudantes movidos polo peche das universidades. “Eu teño dous fillos alí e díxenlles que millor que se queden alí por todo o que está pasando”, comenta Alfonso, de Redondela. “Pero eles din que moitos dos seus amigos xa están volvendo”, engade.
FEIJÓO
Este mesmo xoves o presidente da Xunta referiuse a esta situación. Preguntado ante a posibilidade dun “peche” da comunidade de Madrid para evitar que casos desta autonomía se difundan por todo o estado tras as drásticas medidas adoptadas na capital do Estado, Feijóo dixo que “iso depende do Goberno central e da propia autonomía”, aínda que destacou que unha medida así afectaría tamén ao conxunto do Estado.
O presidente tamén avanzou que haberá “recomendacións explícitas” para persoas que se desprazaron desde Madrid e para as súas familias. De feito, destacou que moitas das persoas que están illadas en Galicia por positivo en coronavirus son con casos importados, principalmente, de Madrid. De feito, a capital española é o maior foco do coronavirus do Estado. A metade dos casos danse alí.