Así foi a masiva manifestación feminista en Vigo, con 50.000 persoas

Manifestación do 8M en Vigo / © Miguel Núñez

Unhas 50.000 persoas, segundo os cálculos do Concello, encheron este domingo as rúas do centro de Vigo, que se tinguiu de violeta con motivo da manifestación do Día Internacional da Muller para reclamar igualdade e esixir recoñecemento ao traballo silencioso que exercen fundamentalmente as mulleres no coidado dos máis vulnerables.

“Queremos visibilizar o invisible para transformar o sistema poñendo a igualdade e a vida no centro”, dixo Esther Mariño, portavoz de Galegas 8M, organización que aglutina case 60 colectivos entre organizacións feministas e civís, sindicatos e partidos políticos.

Baixo o lema ‘Sen coidados non hai vida’, a manifestación partiu ás 18.00 horas do cruzamento entre as rúas Urzáiz e Vía Norte, e tras descender por Colón terminou hora e media despois coa lectura dun manifesto na Praza de Compostela e coa interpretación de dúas cancións por parte da activista e cantautora Su Garrido Pombo.

“Hai que saír á rúa, hai que estar”, explicou Puri Bernárdez, secretaria de Muller en CCOO, quen criticou a actuación da Policía Local, que este mediodía desaloxou 300 persoas nunha acto reivindicativo enmarcado nas actividades do 8M.

“O 75 por cento dos contratos de traballo a tempo parcial teñen nome de muller”, lembrou Bernárdez, que sinalo os 5.000 euros que actualmente supoñen a fenda salarial entre homes e mulleres, unha realidade “que reverte nas pensións precarias que teñen as mulleres”.

“Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé”, corearon as miles de manifestantes, que no seu camiño foron captando centos de adeptos que esperaban a súa chegada ao longo do percorrido.

Nun ambiente festivo e baixo unha fumareda violeta, os manifestantes corearon consignas como ‘Non é a minisaia, non é o pantalón, na mente do machista está a provocación”.

“Dignidade laboral para axuda no fogar”, “Non somos escravas, somos traballadoras”, “Ningunha agresión sen resposta, ningún agresor sen castigo”, “Non queremos machos que nos asasinen”, “ Patriarcado-capital, alianza criminal”, foron algunhas das consignas coreadas polos manifestantes, que acudiron con multitude de pancartas.

“A historia é nosa e fana os pobos”, dicía unha delas; aínda que a que encabezaba a manifestación sinalaba: “Sen coidados non hai vida. Cambiando o sistema, derrubando o patriarcado”.

Tal e como ocorreu tanto en 2019 como en 2018, a cidadanía de Vigo volveu demostrar a súa sensibilidade coas reivindicacións do movemento feminista para expresar, tal e como dicía unha das pancartas que “xa comezou o aquelarre; treme patriarcado”.

3 COMENTARIOS

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here