InicioSociedadeO Concello de Vigo, condenado a indemnizar con 18.000 euros a unha...

O Concello de Vigo, condenado a indemnizar con 18.000 euros a unha muller que caeu na rúa polo mal estado dunha baldosa

A muller perdera o equilibrio e caera, rompéndose un dedo dun dos seus pés.

PUBLICADO O

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo estimou a demanda dunha muller contra unha resolución do Concello de Vigo, e ordena á administración local e á súa aseguradora que a indemnicen nuns 18.000 euros, polas consecuencias dunha caída que sufriu na vía pública.

O incidente ocorreu en outubro de 2016, cando a demandante saía de traballar e dirixíase á súa casa. No cruzamento das rúas Urzáiz e Hernán Cortés, como consecuencia do mal estado dunha baldosa da beirarrúa, perdeu o equilibrio e caeuse, rompéndose un dedo dun dos seus pés.

O mal estado do pavimento non estaba sinalizado e a muller (que sufriu secuelas que a obrigan ao uso dunhas soletas específicas para sempre) presentou unha reclamación ante o Concello de Vigo. A Administración admitiu a súa total responsabilidade no accidente e resolveu indemnizala en algo máis de 10.000 euros.

A afectada recorreu entón á vía xudicial, ao entender que a indemnización debía ser maior (tanto polo baremo da secuela, como polo uso das soletas) e agora o xulgado deulle a razón, nunha sentenza na que obriga ao Concello e á súa aseguradora a pagarlle case 18.000 euros.

A letrada desta muller, Ana Quiroga, subliñou, por unha banda, que “é algo insólito” que unha administración, neste caso o Concello, recoñeza a súa responsabilidade nun accidente deste tipo.

A iso súmase “un novo éxito”, como foi a sentenza do contencioso administrativo, que dá a razón á demandante. Neste caso, valorou a avogada, a afectada, lonxe de desanimarse ou darse por satisfeita pola compensación inicialmente exposta, “reclamou ata o final” e conseguiu “a reparación integral do dano sufrido”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...