InicioSociedadeTécnicos municipais recalcan que o Concello non ten responsabilidade sobre o peirao...

Técnicos municipais recalcan que o Concello non ten responsabilidade sobre o peirao afundido no Marisquiño

Aseguran que as obrigas e responsabilidades do Concello se limitan ao mantemento do paseo superficial de madeira, e non da estrutura subxacente de formigón.

PUBLICADO O

Os dous técnicos municipais que compareceron este venres no xulgado de instrución número 3 de Vigo, como investigados na causa aberta polo derrube dun peirao durante o festival O Marisquiño de 2018, subliñaron que as obrigas e responsabilidades do Concello con respecto a ese espazo se limitaban ao mantemento do paseo superficial de madeira, e non da estrutura subxacente de formigón (que foi a que colapsou).

Así o trasladou Jerónimo C.C., enxeñeiro xefe de Vías e Obras, que aludiu ao convenio da actuación ‘Abrir Vigo ao Mar’. Segundo a súa interpretación, ese acordo responsabilizaba ao Concello do mantemento e limpeza do paseo superficial, pero non do peirao cuxa construción, en todo caso, é anterior á reforma deseñada por Vázquez Consuegra.

Este funcionario explicou, a preguntas da xuíza instrutora, que a actuación do Concello nas Avenidas se circunscribe a reparacións superficiais dos listóns de madeira do paseo e á limpeza. A ese respecto, diferenciaron o entarimado da estrutura de formigón subxacente que, segundo os peritos, colapsou pola corrosión acumulada de anos sen ningún tipo de actuación de mantemento.

Por outra banda, sacou a colación unha memoria do propio Porto de Vigo na que se determina que o peirao afundido durante a celebración dun concerto no festival está dentro dunha zona de uso náutico deportivo e, por tanto, responsabilidade do Porto (quedaría excluída da chamada zona de interacción porto-cidade).

Na xornada deste venres tamén prestaron declaración como investigados o funcionario municipal Juan A.M., responsable de Urbanización e Infraestruturas do Concello, e o técnico do Porto Ignacio V., que só respondeu a preguntas do seu avogado e da maxistrada, para incidir na tese da Autoridade Portuaria, de que o mantemento do peirao na súa totalidade era obrigación municipal.

A directora do Porto insiste ante a xuíza en que o mantemento do peirao afundido no Marisquiño era municipal

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...