Seguridade especial en praias e terminais de transporte de Vigo

A Policía Nacional puxo en marcha distintos plans especiais para este verán na cidade.

O inspector Pablo Pallarés / EP.

A Policía Nacional puxo en marcha distintos plans especiais este verán para vixiar as praias e terminais de transporte de Vigo, como o aeroporto e as estacións de tren e de autobuses.

O inspector Pablo Pallarés avanzou que os dispositivos desta tempada centráronse en garantir a seguridade no tempo de lecer, a preparación para incendios forestais e a aplicación do plan antiterrorista.

Deste xeito, establecéronse dispositivos especiais e controis nas Illas Cíes e na Estación de Ría de Vigo, ademais de reforzar a vixilancia sobre as persoas que consomen substancias estupefacientes en eventos de lecer. Tamén se distribuirán axentes de paisano para evitar furtos durante o período de rebaixas.

Así mesmo, trasladáronse catro cabalos desde Madrid no marco do plan para combater lumes forestais dado que, segundo explicou o inspector, adáptanse ao terreo boscoso de Galicia e son “silenciosos”, o que permite non alertar ás persoas que provocaron un incendio da presenza policial.

Así, patrullaranse as zonas de gran masa forestal de Vigo e Redondela a cabalo e en motocicleta e contarase co apoio da Unidade de Helicópteros para vixiar as queimas non autorizadas.

PLAN ANTITERRORISMO

Pablo Pallarés tamén lembrou que segue vixente o Nivel 4 de alerta antiterrorista, polo que levarán a cabo controles en terminais de transporte e en lugares nos que haxa unha gran aglomeración de persoas.

Así mesmo, no marco do plan de verán, dotarase aos centros policiais de folletos informativos en varios idiomas con información relativa a como presentar unha denuncia e repartiranse trípticos pola cidade.