InicioSociedadeInvestigadores da UVigo alertan do auxe de vídeos alarmistas e sensacionalistas sobre...

Investigadores da UVigo alertan do auxe de vídeos alarmistas e sensacionalistas sobre o cancro de mama en Youtube

Advirten de que vídeos pouco ou nada rigorosos sobre esta enfermidade se impoñen na famosa plataforma de vídeos de Google, fronte aos de expertos.

PUBLICADO O

Un estudo asinado por investigadores da Universidade de Vigo alerta do impacto de vídeos pouco o nada fiables en Youtube relacionados co cancro de mama. En concreto, “unha cuarta parte dos vídeos que localizarán en Youtube as persoas interesadas no cancro de mama non ofrecen información fiable e non achegan, en termos obxectivos, ningún elemento de valor para os usuarios”, detallan os autores.

Os investigadores da UVigo analizaron as características e fiabilidade de 76 vídeos de Youtube sobre cancro de mama, relacionándoas coa súa repercusión e valor para os usuarios. Os vídeos analizados estaban gravados en inglés, “por ser unha lingua vehicular fundamental en Internet”, xustifican os autores.

“Os resultados mostran unha gran diversidade de formatos e promotores, fronte a unha maior uniformidade en canto ao tipo de contido e o ton. Aínda que predominan os vídeos informativos de ton neutral, os datos reflicten a preferencia dos usuarios por vídeos máis subxectivos e menos fiables”, resumen os autores do traballo.

Entre as fontes dos vídeos sobre cancro de mama existe “bastante diversidade”, sendo as canles específicas de saúde ou benestar e as individuais de youtubers as que achegan un maior número de vídeos, seguidos das canles de promotores especializados e das canles de contido variado.

Algo máis da metade dos vídeos analizados ofrecen “información fiable”, pero o 26% proporciona “información confusa ou nesgada”. A maior parte destas pezas non fiables é difundida por youtubers (usuarios particulares sen formación académica na materia), pero tamén por canles temáticas non científicas dedicadas á saúde ou o benestar. En cambio, case todos os vídeos de promotores especializados e de ONG dedicadas ao eido da saúde si ofrecen información fiable.

Os investigadores observaron que a maioría dos vídeos que se poden considerar “valiosos, en maior ou menor medida, para os usuarios” son de emisores especializados, a pesar de que a súa presenza na mostra é menor que a das canles de saúde ou benestar e dos youtubers, que difunden contidos menos rigorosos e fiables.

Un dos datos máis preocupantes do estudo é que “pouco máis do 18% dos vídeos corresponden especificamente a emisores especializados, que son os que poden ofrecer información de maior calidade”.

Ademais, estes vídeos emitidos por promotores especializados (máis fiables) “vense pouco e xeran poucas reaccións [reproducións, respostas, etc.], mentres que os vídeos xerados por youtubers teñen máis visualizacións e máis repercusión”, con maior número de reaccións (positivas e negativas) nas pezas non fiables e nada útiles.

Máis información, en Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...