Confirmada a condena de dous anos e medio de cárcere a un septuaxenario por abusos sexuais a un discapacitado

Bueu / juantiagues https://www.flickr.com/photos/juantiagues/

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de dous anos e medio de cárcere e tres anos de liberdade vixiada imposta a un septuaxenario de Bueu que abusou sexualmente dun discapacitado.

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou en marzo deste ano ao septuaxenario por abusar sexualmente entre 2015 e 2016 dun home de 29 anos. A vítima, segundo consta na sentenza da Audiencia, está diagnosticada dun atraso mental medio, cun grao de incapacidade do 70%, que evidencia “o seu atraso madurativo e cognitivo” e faille “moi vulnerable, compracente e facilmente manipulable”.

Para o TSXG, o “desenvolvemento argumental das tres pretendidas alegacións ás que se contrae o recurso” non menciona “como infrinxida norma algunha, sustantiva ou procesual”, argumenta no rexeitamento ao recurso, indicando, ademais, que a Audiencia explicita “detallada e racionalmente” as razóns polas que considera acreditados os abusos sexuais.

A sentenza detalla que, entre 2015 e 2016, o procesado, “en múltiples ocasións e co ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais, buscou a vítima, a quen convencía coa entrega dalgunha moeda ou lamberetadas, para que fose con el a zonas escondidas de Bueu, onde lle realizaba tocamentos nos xenitais, pedíalle que llos realizase a el e masturbábase“. A maiores, a sentenza indica que “outras veces, o acusado convidaba a vítima a que subise á súa vivenda ou para ir ao monte, a lugares nos que, aproveitando que estaban sós, levar a cabo as mesmas prácticas sexuais”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here