Denuncian que a Xunta utiliza o Faro de Vigo para enfrontar os traballadores da sanidade

Dúas traballadoras sanitarias do Álvaro Cunqueiro protestan pola decisión da xerencia do hospital de que se encarguen de recoller tamén as sacas do lixo / CIG

O conflicto da limpeza no Hospital Álvaro Cunqueiro vai a máis. Logo das numerosas protestas dos Técnicos de Cuidados Auxiliares de Enfermería (TCAEs) ante a esixencia por parte da dirección do centro que se encarguen tamén de tarefas de limpeza, e a folga convocada o pasado xoves, o Sergas contraataca nos medios de comunicación.

Así, a través dunha información publicada polo Faro de Vigo a dirección do centro denuncia que traballadores do hospital e dunha concesionaria privada “síntense vexados e acosados” e que iniciará unha investigación.

A través dun comunicado, o Sergas asegura que “un reducido grupo de traballadores está a realizar accións que atentan contra a dignidade das persoas, obstaculizando o traballo” doutros profesionais con “comentarios inapropiados, mofas e insultos por estar a realizar as súas funcións”. Segundo publica Faro de Vigo, a dirección do centro explica tamén que persoal de lavandaría, limpeza e restauración -que xestiona a concesionaria- presentaron queixas “por interferencias no exercicio da súa actividade, que está a ser boicoteada con impedimentos e actos de vandalismo”.

Xerentes e sindicatos cunqueiro
Xerente e auxiliares de enfermeria do Álvaro Cunqueiro / Miguel Nuñez

Sinala que “fan referencia á mala praxe operativa levada a cabo por algunhas TCAEs” e pon como exemplo o uso de bolsas rotas, ou depósitos de roupa manchada de sangue e materia orgánica fose dos espazos habilitados a tal fin ou o baleirado de xerras de auga diante do propio traballador de restauración solicitándolle a continuación novas xerras cheas…”.

OS TRABALLADORES DA LIMPEZA NÉGANO

Unhas graves acusacións que os propios aludidos na información non quixeron pasar por alto. Así que a través das redes sociais, os traballadores da limpeza pídenlle á xerencia do SERGAS que “por favor”, non os utilice como “arma arreboladiza” contra o colectivo de auxiliares de enfermaría , tal e como aparece publicado no Faro. “Nin nos sentimos sentimos vexados, nin nos sentimos acosados, nin presentamos ningunha queixa como colectivo contra ninguén respecto diso”, indican.

“Independentemente de que pedimos que se respectasen os nosos dereitos laborais (tras meses e meses esperando unha solución), as compañer@s TCAEs do Álvaro Cunqueiro, teñen todo o noso apoio e comprensión nas súas reivindicacións. E máis, vendo como se xestionaron os feitos”, apuntan no comunicado feito público nas redes. “Se houbese algún tipo de rozamento individual entre o persoal de ambos os servizos, consideramos que entra dentro da normalidade da convivencia diaria”, engaden.

Por iso, cualifican de “desinformación” as declaracións publicadas no Faro, así como o envío masivo de cartas ameazando con sancións e xulgados ao seu propio persoal en lugar de buscar un acordo. “Quizais non axude moito a crear un bo ambiente de traballo entre persoas de servizos que colaboramos a diario”, apuntan. “Pedimos, por favor, imaxinación para buscar solucións sen tentar enfrontarnos. Moitas grazas”, conclúen.

CONFLICTO COA LIMPEZA

O persoal da empresa de limpeza, subcontratada pola Empresa Concesionaria, que traballa no Hospital Álvaro Cunqueiro, leva xa máis dun ano denunciando que non ten persoal suficiente para facer o seu traballo, tal e como recolleu Galicia Confidencial. Unhas tarefas que non estaban recollidas no prego de condicións licitado polo SERGAS (a recollida de bolsas de roupa sucia).

As e os auxiliares de enfermaría do Álvaro Cunqueiro protestan no centro sanitario / CIG

Despois de intentar unha negociación coa Empresa Concesionaria e coa Xerencia do SERGAS, que se negou a falar do tema, obtiveron un laudo que recoñece que non tiñan entre as súas funcións realizar este traballo. Por iso, a Xerencia do hospital quere que sexan as auxiliares de enfermaría as que se encarguen dese traballo.

CIG-SAÚDE

Pola súa banda , CIG-Saúde considera “intolerable” a actitude da Dirección da EOXI de Vigo no conflito de competencias xurdido pola imposición do transporte de bolsas de roupa sucia ás Auxiliares de Enfermaría. “A Xerencia da EOXI de Vigo ven de demostrar coas últimas declaracións feitas na prensa que lonxe de querer solucionar este conflito opta por desacreditar a un colectivo cuxa profesionalidade está de sobra demostrada”, engade.

Por iso, considera “dunha enorme irresponsabilidade” que o máximo responsable da área sanitaria viguesa se dedique a difundir nos medios de comunicación información para desacreditar a un colectivo de máis de 500 persoas e di que é “unha desafortunada decisión” que non fai máis que complicar a solución do conflito.

CIG-Saúde considera que a actual Xerencia non é un interlocutor válido para resolver este conflito e pide ter unha reunión co conselleiro de Sanidade para solventalo. “Consideramos que este conflito é consecuencia do modelo sanitario escollido polo goberno de Partido Popular, que ben a demostrar dúas cousas de suma gravidade: a primeira a súa aposta pola privatización dos servizos públicos esenciais e a segunda a súa incapacidade de xestionar os numerosos conflitos xurdidos neste hospital como consecuencia desa privatización”, apunta.

SEN INFORMACIÓN

Por outra banda, fontes do Hospital Álvaro Cunqueiro non quixeron remitirlle información a Xornal de Vigo. O pasado xoves, durante a protesta dos auxiliares, traballadores deste medio tentaron falar con Félix Rubial para coñecer a súa opinión. Asegurou que non tiña problema en facelo pero dixo que era a xerencia do complexo hospitalario a que o tiña que autorizar.

“Xa vos coñecemeos”, foi a resposta unha vez postos en contacto coa xerencia, ao tempo que indicaron que non ían facer declaracións e que, en todo caso, enviarían un comunicado aos medios. Un comunicado que nunca chegou a esta redacción e que agora aparece publicado no Faro de Vigo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here