Así serán os servizos mínimos na folga de Atención Primaria en Vigo

A xerencia da EOXI de Vigo e o comité folga dos médicos de Atención Primaria acordaron establecer unha cobertura do cento por cento dos servizos de Urxencias, e a presenza de 169 médicos de familia e pediatras.

Protesta en defensa da Atención Primaria en Vigo / Galicia Confidencial.

A xerencia da EOXI de Vigo e o comité folga dos médicos de Atención Primaria acordaron este luns os servizos mínimos para as xornadas de paro previstas para os próximos 21 e 22 de maio, e establecen unha cobertura do cento por cento dos servizos de Urxencias, e a presenza de 169 médicos de familia e pediatras nos centros de saúde da área sanitaria.

Segundo trasladou o Sergas, na reunión deste luns –á que asistiron representantes da dirección da EOXI e dez facultativos de centros de saúde– estableceuse que os servizos mínimos de Urxencias serán do cento por cento, é dicir, que ditas urxencias “teñen que ser atendidas pola totalidade do persoal de quenda dese día”.

Con respecto á atención ordinaria, o decreto de servizos mínimos, que en próximas días se publicará no Diario Oficial de Galicia, garante a presenza de 86 médicos de familia, 35 pediatras, un odontólogo e un farmacéutico na quenda de mañá; así como 35 médicos de familia, 13 pediatras e un odontólogo na quenda de tarde.

O Sergas lamentou que os médicos de Atención Primaria de Vigo fosen “o único colectivo sanitario” de Galicia que mostrou o seu “rexeitamento sistemático a sentar coa dirección, ao diálogo e á negociación”, nunha posición “fóra de toda lóxica e coherencia”, di.

De feito, incidiron fontes de Sanidade, a dos próximos 21 e 22 de maio será unha “folga atípica” por ser convocada directamente polos médicos, que “tampouco aceptan a interlocución das organizacións sindicais e desprezan o papel doutros colectivos profesionais”.

“Para o único que aceptaron sentar foi para negociar isto, os mínimos da folga, cando non estiveron nunca dispostos a dialogar nin sobre aspectos que afectan á mellora da Atención Primaria na área de Vigo, nin tampouco nos grupos de traballo de plan galego de Atención Primaria”, sentenciaron fontes do Sergas.