InicioSociedadeCondenan ao Sergas a pagar 183.000 euros por mala praxe nunha operación...

Condenan ao Sergas a pagar 183.000 euros por mala praxe nunha operación a un bebé prematuro

O feitos remóntanse a 2015. O bebé foi operado de urxencia por unha perforación no colon e rematou con dous dedos amputados e unha deformación na extremidade.

PUBLICADO O

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela condenou ao Sergas e á súa compañía de seguros a indemnizar en 183.000 euros aos pais e o irmán dun neno que sufriu a amputación dos dedos dun pé e a deformidade desa extremidade como consecuencia dunha mala praxe durante unha intervención cirúrxica realizada no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Así, o xulgado estima parcialmente o recurso interposto pola familia do menor –da zona do Val Miñor–, representada polo despacho de Cipriano Castreje Martínez, contra unha resolución do Sergas que rexeitaba a reclamación inicialmente presentada ante Sanidade.

Os feitos remóntanse a agosto de 2015, cando o neno, que foi un bebé prematuro, tiña só 11 días de vida. O menor foi sometido a unha intervención cirúrxica de urxencia por unha perforación no colon e, para a operación, foille colocada unha vía no pé dereito, e cubríuselle todo o corpo para evitar a hipotermia.

Durante esa intervención produciuse unha extravasación venosa do soro nesa vía, que causou ulceración, isquemia nos dedos e planta do pé, e unha necrosis irreversible. Ese grave problema non foi detectado no momento, debido a que o corpo do bebé estaba cuberto, e non se podía vixiar a vía.

O xulgado Contencioso Administrativo sinala que a necesidade de cubrir ao paciente para evitar a hipotermia non debía impedir o control desa vía, especialmente ao tratarse dun bebé prematuro, dada a fraxilidade dos seus tecidos e paredes venosas. Por tanto, as vías deben estar á vista para poder ser controladas en todo momento durante a operación, e “está claro que neste caso non se fixo así”, segundo subliñou o avogado da familia, Cipriano Castreje.

MALA PRAXE

Por todo iso, a sentenza establece que se produciu unha mala praxe, unha “omisión do deber de vixilancia durante as dúas horas que durou a intervención”, o que impediu detectar as complicacións. Como consecuencia dos danos sufridos, o bebé tivo que ser intervido outra vez para amputarlle catro dedos, e padece unha deformidade do pé, coas consecuentes dificultades para camiñar.

O xulgado, no entanto, rexeita que non se producise o consentimento informado, como alegaba a parte denunciante, e considera que os pais do bebé foron informados os procedementos realizados, a necesidade dos mesmos e as súas posibles complicacións.

Na resolución, que non é firme e pode ser recorrida, condénase ao Sergas a indemnizar en 150.000 euros ao paciente, en 15.000 euros á súa nai, noutros 15.000 euros ao seu pai, e en 3.000 euros ao seu irmán.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...