InicioSociedadeOs vigueses, satisfeitos cos servizos municipais públicos

Os vigueses, satisfeitos cos servizos municipais públicos

Galicia sobe en comparación co resto de comunidades analizadas segundo o Observatorio OSUR.

PUBLICADO O

III Barómetro do Observatorio dos Servizos Urbanos (OSUR) de 2019 rexistra que os habitantes da Coruña e Vigo (as dúas cidades analizadas en Galicia) puntúan os seus servizos públicos municipais cun 61% de satisfacción, o que supón un leve descenso de dous puntos respecto ao anterior estudo realizado o ano pasado.

Esta terceira edición do barómetro baséase nunha enquisa a 5.500 persoas sobre a súa opinión dos servizos públicos municipais nas 30 poboacións máis poboadas do país, incluídas A Coruña e Vigo. De aí, USUR, plataforma pertencente á Asociación pola Excelencia dos Servizos Públicos, extrapola os resultados para analizar os servizos municipais públicos en 13 comunidades autónomas.

Na serie de análises anuais, Galicia sobe en comparación co resto de comunidades analizadas, ao pasar do sétimo lugar en 2018 á cuarta posición no actual barómetro. Así mesmo, en función dos resultados solicitados sobre A Coruña e Vigo, o observatorio OSUR conclúe que Galicia reduce o número de persoas insatisfeitas, chegando ao 22%, cunha variación do 2% respecto ao ano anterior.

A subministración de auga é o servizo mellor cualificado, cun 73% de satisfacción, mentres que o peor valorado é a conservación de espazos públicos, con 49% de satisfeitos.

ANÁLISE PORMENORIZADA

Respecto á subministración de auga, a súa avaliación sobe dous puntos respecto o anterior barómetro, pero aínda se sitúa un 2% por baixo da media, segundo OSUR. En todo caso, o número de insatisfeitos é o máis baixo de todos os servizos, rexistrando un 11%.

O máis valorado son aspectos como ausencia de cortes, presión ou continuidade do servizo, con 71% de satisfeitos, e a calidade da auga, con 64% de opinións favorables.

Respecto da recollida de lixos e residuos, o 60% dos enquisados móstrase satisfeito co servizo, aínda que se rexistra unha importante baixada de 15 puntos por baixo do resultado de 2018, pero sitúase dous puntos por encima da media. O número de insatisfeitos aumenta dous puntos e chega ao 13%.

A frecuencia do servizo de recollida de lixos é o punto máis valorado, con 70% de satisfeitos, seguido pola atención ao cliente cando hai incidencias, con 60% de opinións favorables. O servizo de transporte público aproba só cun 51% de satisfacción, un 5% menos que o ano pasado, e seis puntos por baixo da media nacional, que se sitúa en 57%. O número de persoas insatisfeitas redúcese a 21%, 15 puntos menos que no barómetro anterior.

O único aspecto que consegue o aprobado é o estado de limpeza e conservación dos vehículos de transporte público, con 69% de satisfeitos.

LIMPEZA VIARIA E CONSERVACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS

En canto a limpeza viaria, o grao de satisfacción obtido é do 51%, pero OSUR matiza que o resultado “está polarizado” entre os “moi bos” datos de Vigo, coa segunda mellor cualificación nacional, e os da Coruña, que “suspende e acentúa a súa tendencia negativa, e sitúase entre os peores e baixa a media rexional”.

Non consegue o aprobado a conservación de espazos públicos e coidado de zonas verdes, con 49% de satisfacción, cinco puntos por encima da media nacional, pero un 11% menos que o anterior barómetro. O número de insatisfeitos é de 24%, un punto menos que o ano anterior.

METODOLOXÍA DO ESTUDO

As enquisas para realizar este terceiro barómetro sobre os servizos públicos municipais realizáronse en: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma de Mallorca, Las Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Alacante, Córdoba, Valladolid, Vigo, Xixón, L’Hospitalet de Llobregat, Vitoria, A Coruña, Granada, Elxe, Oviedo, Terrassa, Badalona, Cartaxena, Jerez de la Frontera, Sabadell, Móstoles, Santa Cruz de Tenerife, Pamplona e Alcalá de Henares.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...