InicioSociedadeMédicos de Primaria de Vigo dispostos a ir a folga a finais...

Médicos de Primaria de Vigo dispostos a ir a folga a finais de maio

Esixirán un tempo de consulta mínimo por paciente de 10 minutos.

PUBLICADO O

Os médicos de Atención Primaria de Vigo acordaron visibilizar as súas reivindicacións cada xoves desde o desta semana, no que se esixirá un tempo de consulta mínimo por paciente de 10 minutos, ata que leve a cabo unha folga que se celebrará, previsiblemente, a finais de maio.

Nun encontro celebrado na cidade olívica este luns, os profesionais acordaron que o próximo día 6 de maio celebrarán unha asemblea na que se decidirá se os paros celébranse o 21 e 22 de maio ou se se estenden ata o día 23. Outra das propostas esbozadas é pedir apoio ás concentracións por parte doutros profesionais que non sexan médicos.

Ademais, sinalaron a necesidade de abordar, no marco das protestas semanais, a división da xerencia da EOXI e a eliminación das e-consultas, entre outras iniciativas. Tamén se informou do feito de que representantes de asembleas de distintas áreas sanitarias galegas buscan conformar unha nova en común.

Os facultativos acordaran iniciar os trámites para convocar unha folga na Atención Primaria de Vigo no marco dunha reunión realizada na cidade olívica a semana pasada. Para iso, debido a que non conforman un sindicato, debían convocar unha asemblea que votase esta convocatoria e comunicarlla á xerencia da EOXI, así como á autoridade laboral.

Esta medida xa fora proposta polo colectivo médico vigués no marco doutra reunión celebrada despois de que os paros fixados para os pasados 9, 10 e 11 de abril fosen desconvocados por parte do comité de folga de Atención Primaria –no que estaban representados a Coordinadora, UXT, CIG, CSIF, CESM, CC.OO. e O’Mega– ao chegar a un acordo co Sergas.

Así as cousas, a semana pasada, os membros do colectivo vigués mostraron as súas discrepancias cos portavoces a Coordinadora de Atención Primaria, cos que tiveron unha “reunión tensa” o pasado mércores na capital galega.

Nese contexto, a facultativos da área sanitaria de Vigo propuxeron cambiar a Coordinadora para que fose “un órgano representativo das asembleas locais e non un foro de libre acceso”. Mentres, a agrupación de colectivos puntualizou que “as expectativas dos dimisionarios de Vigo son diferentes ás da Coordinadora”.

Así mesmo, na mesa sectorial extraordinaria celebrada con sindicatos celebrada o venres pasado, a Consellería de Sanidade anunciou a dotación de 3,5 millóns de euros este 2019 para aumentar de forma estable o persoal nos centros de saúde que requiran “accións inmediatas”. Ademais, acordouse convocar outra reunión para negociar as prazas este venres, 3 de maio, e fixar para o día 14 a constitución do Consello Técnico.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...