Policía, sanitarios, bombeiros e o alcalde interveñen no caos polo tapiado de vivendas ‘okupadas’ no Barrio do Cura

Unha muller tivo que ser atendida por unha ambulancia e un home e o seu can, rescatados en vivendas da rúa Llorente cando os operarios selaban fiestras e portas de inmobles 'okupados', para o seu derrubamento e a construción da nova urbanización.

O alcalde Abel Caballero apareceu na rúa Llorente cando comezou o tapiado de fiestras e portas no Barrio do Cura, con xente dentro / Miguel Núñez

O Barrio de Cura foi esta mañá o escenario de varios incidentes polo tapiado de vivendas ‘okupadas’ nas rúas Santa Marta e Llorente, no marco do plan de derrubamento e reforma desta zona, na que se proxecta construír unha urbanización de luxo.

Ao longo da mañá vivíronse momentos de tensión, cando os operarios iniciaron o tapiado de fiestras e portas nos números 14, 16, 18 da rúa Llorente, onde se refuxian varios ‘okupas’. Unha situación que suscitou momentos de gran nerviosismo, xa que algúns aínda se atopaban dentro e pedían parar o tapiado e outros vían como xa non poderían acceder ás vivendas nas que se aloxan e gardan as súas poucas pertenzas.

Unha muller esvaeceuse cando comezou o tapiado de fiestras e portas no Barrio do Cura, con xente dentro / Miguel Núñez

A tensión chegou a tal extremo, que varias unidades da Policía Local e Nacional tiveron que acudir ao lugar para intervir, así como unha ambulancia para atender unha muller no número 14, que minutos antes berraba desesperada desde unha fiestra para que os operarios parasen o tapiado.

Tamén tiveron que acudir os bombeiros para rescatar un home –Pepe– e o seu can, que quedaran pechados no número 16, tralo tapiado; o mesmo lugar onde apareceu o último cadáver no barrio, un ‘sen teito’ cuxo cadáver foi roído polas ratas.

Bombeiros entran nun inmoble na rúa Llorente para rescatar unha persoa e un can, atrapados polo tapiado de fiestras e portas no Barrio do Cura, con xente dentro / Miguel Núñez

No medio dese caos que se viviu este mediodía no barrio, irrumpiu o propio alcalde, Abel Caballero (PSOE), quen se baixou dun coche cando subía por esa rúa para interesarse polo que estaba acontecendo. Pero tras marchar, a situación de desconcerto continuaba.

POLÉMICA POLO DESALOXO DUNHA PARELLA

Un chisco máis abaixo, no número 24 da rúa Santa Marta –que conecta con Llorente–, a parella que ‘okupa’ esta vivenda era acompañada por representantes da Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec), ante o inminente desaloxo ordenado polo Concello, para proceder cos traballos de demolición dos inmobles en ruínas do barrio.

Parella que reside nunha vivenda na rúa Santa Marta, no Barrio do Cura, mostra a orde de Urbanismo para o desaloxo / Miguel Núñez.

Tanto a Favec como Marea Vigo denunciaron este desaloxo, xa que, aseguran, se trata dunha parella “que está censada alí desde hai cinco anos” e que, ademais, “fixo obras de rehabilitación con licenza municipal”.

As versións son contraditorias. Este xornal puido corroborar que a parella si fixo obras na vivenda, como defenden. Xornal de Vigo tamén verificou que a versión do Goberno local é certa respecto á propiedade dese inmoble: pertence ao Concello de Vigo, que a mantivo en réxime de aluguer durante décadas.

Segundo puido confirmar este medio, a vivenda municipal fora alugada durante décadas por varios arrendadores que morreron. Segundo a versión dada pola parella que agora vive nesa vivenda á Favec, “recibiron as chaves” do inmoble “hai doce anos, a cambio de manter a casa”, versión que non coincide con distintas fontes do barrio consultadas por este xornal, que afirman que a parella “tirou a porta abaixo para entrar” e que “foron eles os que puxeron unha porta nova”.

Os operarios tapiaron agora esta vivenda, agás unha entrada lateral, pola que aínda hoxe esta parella podía acceder e saír do inmoble, sabedores de que serán desaloxados. Pero tiñan as horas contadas para continuar alí: este sábado deberán abandonar o inmoble; eles piden algo máis de tempo para atopar unha alternativa habitacional.

Segundo Favec, a muller “ten un 53% de discapacidade física recoñecida” e el, “un 47% de discapacidade mental”, e “non teñen traballo”. “Os seus ingresos este mes foron 70 euros” e o próximo “recibirán 430 pola Renda Activa de Inserción concedida” (unha axuda para desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para atopar emprego).

Mentres a Favec e Marea de Vigo critican a orde do Concello de desaloxalos “sen unha alternativa”, desde o Goberno municipal defenden que están a ocupar “ilegalmente” a vivenda, que é propiedade municipal –como así verificou este xornal–.

Uns e outros recoñecen que se acudiu aos servizos sociais para atopar unha solución e que a parella agarda recibir completa a renda activa de inserción, pero non será até o próximo mes. Entre as alternativas, o propio Concello dixo que ofreceu “varias posibilidades de axuda”, como o pago dunha habitación nunha pensión ou dun aluguer temporal, ata que poidan cobrar esa renda. Unha medida que critican desde a Favec: “O Concello ofreceu pagarlles un hostal por uns días, pero logo que vai pasar con eles?”, pregúntanse.

A defensa da Favec e de En Marea desta parella xerou certo malestar entre algúns veciños do barrio, que afirman que “non se está contando toda a verdade” ou “non están ben informados” sobre a realidade do barrio. Os veciños non culpan esta parella e outros ‘okupas’. O problema, din, foi que, “por intereses, se deixou degradar o barrio; deixárono morrer para facer a nova urbanización, permitindo que chegasen ‘okupas’ e drogodependentes”, din, “para devaluar a zona”. E algúns pregúntanse “por que os que agora se preocupan tanto polo barrio non o fixeron antes”.

‘OKUPAS’ DO BARRIO DO CURA EXPLICAN A SÚA SITUACIÓN

1 COMENTARIO

  1. Pelotazo urbanístico do bufón caballero como o da avenida Europa.
    O panfleto local faro de vigo que pagamos os vigueses non contara nada do acontecido mientras presumirán de escobas e bandeiras azuis que moitas ciudades da renuncian por ter que gastar diñeiro para que gas deán

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here