Vigo defende o ADN europeo

A Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA, polas súas siglas en inglés) acolleu este martes en Vigo un acto polo Día de Europa, que se celebra o 9 de maio, no que puxo en valor que o seu obxectivo é "facer de Europa un mundo mellor", mentres diversas autoridades destacaron a relevancia do proxecto da Unión Europea e do mantemento da unidade.

A Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA, polas súas siglas en inglés) acolleu este martes en Vigo un acto polo Día de Europa, que se celebra o 9 de maio, no que puxo en valor que o seu obxectivo é “facer de Europa un mundo mellor”, mentres diversas autoridades destacaron a relevancia do proxecto da Unión Europea e do mantemento da unidade.

O director executivo da axencia, Pascal Savouret, remarcou que o organismo que lidera cumpre este ano unha década instalado na cidade de Vigo, e leva todo ese tempo traballando no control e na inspección pesqueira co obxectivo de lograr “un mellor cumprimento da normativa” e axuntar os labores dos estados membros neste sentido.

Ademais, subliñou que 2017 foi un “ano excepcional”, no que a Axencia incorporou as labores de guardacosta, incrementou un 86% o seu orzamento, contratou a 10 persoas máis –até chegar a 77–, realizou 20.000 inspeccións coordinadas en toda Europa e formou a máis de 800 inspectores da Unión Europea e terceiros países.

Pola súa banda, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar abundou que “se non é da man da Unión Europa, dificilmente –poderase– chegar a ningures”, porque é “básica e vital para o sector pesqueiro”. “Só estreitando lazos e traballando xuntos seremos capaces de defender o motor que nos move, que é o mar”, apostilou.

Acto seguido, fixo mención ao ‘Brexit’, e mantivo que as distintas administracións están a adicar os seus “esforzos para tratar de paliar as consecuencias negativas que a saída de Reino Unido poida ter”. “Trátase de velar por que esa ruptura afecte o menos posible”, selou.

Tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse a este proceso e mantivo que, aínda que o ‘Brexit’ é “un paso atrás”, Europa recuperarase. “Todo ten idas e voltas, e o mellor de Europa aínda está por vir”, sostivo, engadindo que “hai que tender mans” porque “non haberá Europa se unha parte sente que non forma parte da Europa do progreso”.

“UN PROXECTO FANTÁSTICO”

Durante a súa intervención, Caballero destacou o 9 de maio de 1950, día en que o ministro francés Robert Schuman presentou a súa proposta para crear unha Europa organizada, como “un dos momentos máis brillantes da historia da humanidade e o primeiro paso para a construción de Europa”.

“Unha Europa que viña da guerra e que soubo ver e entender cal tiña que ser o futuro”, agregou Caballero, que apuntou que, aínda que houberon “altibaixos”, “68 anos despois, ver cara atrás é ver a historia dun proxecto fantástico de persoas, de xentes”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coincidiu en que “para acabar coas guerras e a confrontación no ‘vello continente’ era fundamental crear un espazo común”, e de aí naceu a Unión Europea, que “foi seguramente a idea máis fermosa que este continente puxo en marcha” e permitiu que os seus países “vivisen o período máis longo de paz”.

Neste contexto, incidiu na necesidade de que as persoas sigan sendo “o centro e o corazón de todas as decisións”. “Europa non pode perder o seu corazón, onde tecnócratas tomen decisións exclusivamente técnicas, ten que ser onde se faga política pensando no benestar das persoas”, selou.

A continuación, referiuse aos tres bombeiros españois que foron absoltos do delito de tráfico de persoas após a súa detención en Grecia cando desempeñaban tarefas de rescate de refuxiados, e trasladou que está “moi feliz” por esta resolución e “orgullosa de que se decidiu que salvar vidas non é un delito, senón o máis bonito que se pode facer”.

‘DEGUSTA EUROPA’

Previamente ao acto da EFCA, celebrouse en Vigo a xornada ‘Degusta Europa’, organizada pola Deputación de Pontevedra en mercados da provincia de Pontevedra tamén en conmemoración polo Día de Europa.

Trátase dun evento polo que se poñen en valor os mercados da provincia a través da elaboración de tapas con produtos galegos das rías e a terra, inspirados en Europa. Ademais, ten tamén como fin divulgar “o importante labor” que realizan os centros formativos Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra, encargados da elaboración das tapas.