InicioVigo e contornaMosDesmantelan un dos máis importantes puntos de venda de drogas en Mos

Desmantelan un dos máis importantes puntos de venda de drogas en Mos

Cinco persoas detidas. Delas, dúas foron xa postas a disposición xudicial por un presunto delito continuado contra a saúde pública.

PUBLICADO O

A Garda Civil desmantelou un centro de venda e distribución de drogas nun domicilio do concello pontevedrés de Mos, onde incautou diferentes sustancias estupefacientes preparadas para a súa comercialización, así como varias armas, unha “inxente” cantidade de ferramentas relacionadas coa xardinaría e máis de 10.000 euros en efectivo.

Tal como sinalou este sábado o xefe da Compañía da Garda Civil de Vigo, Miguel Ángel Martín, na operación, denominada ‘Fronteira’, foron detidas cinco persoas e aprehenderonse algo máis de dous quilos de droga.

Segundo relatou Martín, no mes de outubro, as patrullas da Garda Civil detectaron en Mos un conxunto “importante” de toxicómanos, “que acudían a un domicilio posiblemente para a compra de droga”.

“A partir de aí, deseñamos un operativo de servizo, e iniciamos unha serie de vixilancias discretas no domicilio investigado, con identificación das persoas que saían. Confirmamos que efectivamente a maioría eran toxicómanos e algúns deles portaban sustancias estupefacientes”, engadiu en xefe da Compañía da Garda Civil de Vigo.

CINCO DETIDOS

A tarde do día 20 de febreiro a Garda Civil realizou unha entrada na vivenda, situada na parroquia de Sanguiñeda de Mos. Cando se procedeu a entrar na localización, o morador da casa, de 48 anos, saíu precipitado por unha xanela, despois de lanzar dous obxectos á rúa e foi “inmediatamente” detido, “sen opor resistencia”.

A súa parella, de 39 anos, foi detida no domicilio, xunto con outro tres mozos que tamén estaban no interior, “coa presunta intención de comprar algún tipo de droga”.

Dos cinco detidos, os tres mozos, “posibles colaboradores ou consumidores”, foron postos en liberdade con cargos, mentres que os dous habitantes do inmoble pasaron este sábado a disposición do Xulgado de Instrución número 1 do Porriño, acusados dun presunto delito continuado contra a saúde pública, por tráfico de drogas e outros dous de receptación e tenencia ilícita de armas. Así mesmo, o fillo menor da parella detida quedou a cargo dun familiar.

MÁIS DE DOUS QUILOS DE DROGA

Na vivenda foron incautados máis de medio quilo de cocaína, 114 gramos de heroína, case un quilo e medio de marihuana, ao redor de 100 gramos de haxix e un centenar de pastillas de metadona. Tamén se atoparon varias armas simuladas e detonadoras. Na mesma casa, así como nun local anexo, incautáronse máis de 10.000 euros en billetes e 1.500 euros en moeda fraccionaria.

“A importancia da operación está na cantidade de ferramentas (sobre todo de xardín) e material intervido que os toxicómanos entregaban como medio de cambio para recibir a droga. Supomos que a maioría destes obxectos que interviñemos proveñen de roubos cometidos sobre todo no sur da provincia de Pontevedra”, sinalou o capitán.

Así mesmo, tras realizar rexistros no domicilio e en dous baixos situados noutros inmobles, tamén se atoparon electrodomésticos; aparellos electrónicos, como videoconsolas, computadores e televisións; así como teléfonos móbiles e xoias.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...