InicioSociedadeMarea ve "irresponsable" que Caballero pretenda ampliar Citröen con "inseguridade xurídica"

Marea ve “irresponsable” que Caballero pretenda ampliar Citröen con “inseguridade xurídica”

O alcalde insiste en que é "urxentísimo" gañar espazo para os provedores e que así o demanda a fábrica

PUBLICADO O

O grupo municipal Marea de Vigo tachou de “irresponsable” ao alcalde, Abel Caballero, por urxir a ampliación do polígono de Balaídos para dar cabida aos provedores da planta de PSA Peugeot Citroën. Advertiron de que “ningunha empresa” accede a ampliar as súas instalacións en condicións de “inseguridade xurídica“, xa que a lei 3/2016 (cuxa aplicación suxire o rexedor) non permite modificar a cualificación do chan.

A preguntas dos medios, o portavoz do grupo, Rubén Pérez, precisou que a demanda de ter preto os provedores era unha reclamación que tiña sentido hai anos, cando PSA traballaba co modelo ‘just in time’, porque esixía a provisión de pezas cada pouco tempo, aforrando en almacenaxe e reducindo custos. Agora, implantado o modelo ‘full kitting’, que supón a provisión de pezas a través de kits xa preseleccionados e transportados por robots, ningún provedor demanda instalarse á beira da fábrica.

“INCAPACIDADE” DO ALCALDE

Por outra banda, Rubén Pérez lembrou que, en 2015, existía un convenio entre Zona Franca e o Concello para a ampliación do polígono de Balaídos, pero “o Plan Xeral caeu” (foi anulado polo Tribunal Supremo a finais de 2015).

“Se entre 2015 e 2019 a planta de PSA non se puido ampliar foi única e exclusivamente pola incapacidade política de Abel Caballero de levar adiante, xa non digo un novo PXOM, que xa sabemos que é incapaz, se non de facer unha modificación puntual do existente, ou de rescatar o convenio que quedou no 2015 nas pavías”, proclamou o portavoz de Marea.

A ese respecto, criticou que se utilice a planta automobilística como “reclamo político” en época electoral e que todos queiran erixirse en “salvadores de Citroën”. Por iso, apelou á propia empresa a que traslade “por escrito” cales son as súas necesidades e proxectos.

Finalmente, incidiu en que nin Citroën, nin IKEA nin “ningunha empresa” ampliarán o seu espazo ou se instalarán en condicións de “inseguridade xurídica”. “O alcalde é un irresponsable con Citroën. Son eu máis responsable, con todas as miñas críticas”, sentenciou.

AMPLIACIÓN “URXENTÍSIMA”

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa, volveu  insistir en que a ampliación do polígono de Balaídos é unha demanda de Citroën que o novo director da planta, Ignacio Bueno, lle trasladou na reunión que mantiveron hai uns días. “Queren que as industrias auxiliares estean o máis preto posible, parece moi razoable (…) porque aforran en transportes e en tempo”, reiterou.

Segundo o rexedor, a dirección da planta automobilística expuxo  esa necesidade de espazo para os provedores, tanto a Zona Franca como ao Concello. “Eu acéptoo encantado, porque é a miña teoría. Imos recuperar o parque industrial que estaba previsto a través da ‘lei Vigo’ (lei 3/2016)”, proclamou. Nesa liña, Caballero expresou: “Sorpréndeme que a Xunta, no canto de dar vantaxes a Citroën, diga que non é urxente. É urxentísimo”. Asemade, lamentou que “a Feijóo non lle gusta que as cousas vaian ben na xestión do Concello”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...