InicioVigo e contornaO PorriñoSindicatos ven a externalización do frío de Nova Pescanova como inicio do...

Sindicatos ven a externalización do frío de Nova Pescanova como inicio do “desmantelamento” do grupo

Advirten que "Galicia non se pode permitir perder este grupo" e móstranse preocupados polas posibles consecuencias que poidan traer estes cambios para os traballadores.

PUBLICADO O

Os sindicatos CIG, UXT, USO e CUT denunciaron este xoves a externalización da división de frío de Nova Pescanova, unha “manobra” que ven como o primeiro paso para o “desmantelamento” do grupo, antes de vendelo “por anacos”.

Así o trasladaron en rolda de prensa os portavoces das centrais sindicais, como Ricardo Castro (CUT), quen explicou que os traballadores externalizados (e subrogados) son 46 operarios dos centros de Chapela, O Porriño e Arteixo, que pasan a ser empregados de Actividades Loxísticas Centralizadas, ALC.

Tras criticar “as formas”, anunciando esa subrogación “dun día para outro“, Castro lembrou que estes traballadores seguirán desenvolvendo o seu labor nos centros do Nova Pescanova, polo que advertiu de que o grupo será “responsable” de “calquera problema” que xurda coas súas condicións laborais. “Non vai ser tan fácil para a empresa desfacerse de nós”, aseverou.

Así mesmo, denunciou que os sindicatos descoñecen en que condicións se vai implementar esa externalización e, aínda que dá por feito que os afectados seguirán ao amparo do convenio asinado en 2017, admitiu a “preocupación” polo que poderá pasar despois de que se acabe a vixencia do acordo (en 2020). “Non imos dar marcha atrás, nin empezar de cero, haberá que negociar desde o último convenio como punto de partida mínimo”, puntualizou Castro.

PLAN ESTRATÉXICO

Por outra banda, Teresa Pérez Lago (USO), incidiu en que os sindicatos carecen da documentación que avala o proceso de externalización da división frigorífica do grupo, unha medida que, supoñen, enmárcase no Plan Estratéxico de Nova Pescanova 2016-2020.

Con todo, aclarou, ese plan estratéxico tampouco foi “nunca” trasladado aos representantes dos traballadores. Por iso, solicitaron unha reunión co responsable de Recursos Humanos do grupo, Pedro Casaño, que se celebrará este venres ás 11.30 horas nas instalacións de Chapela-Redondela.

FRACCIONAMENTO E VENDA

O portavoz de UXT, Rubén Pérez, lembrou que os donos maioritarios de Nova Pescanova son entidades financeiras, e que “os bancos non queren empresas, queren vendelas para recuperar o diñeiro”. Nese contexto enmarcou a decisión de externalizar a división de frío, e outras medidas encamiñadas a “facer rendible e atractiva” a empresa. “Queremos dar a voz de alerta porque Galicia non se pode permitir perder este grupo, que acabe non só en mans de fóra, senón en distintas mans”, advertiu.

Na mesma liña, Xosé Fernández Piñeiro (CIG) recalcou que este “fraccionamento” de unidades de produción “é o inicio do desmantelamento” do grupo, e subliñou que “en ningún centro de traballo” se fixo un estudo económico sobre as vantaxes de externalizar divisións. “O obxectivo é a disgregación e a eliminación de postos de traballo”, denunciou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...