Piden 3 anos de cárcere para un home que estafou 52.000 euros por unha casa que non construíu no Porriño

Segundo Fiscalía, o acusado tamén deixou unha débeda de máis 16.000 euros con provedores.

Casa a medio construír dunha constructora que quebrou / arquitectura.com

A Fiscalía pide tres anos de prisión para un home acusado de facerse pasar por responsable dunha empresa de construción inexistente e estafar máis de 52.000 euros a unha muller, coa que acordou construír unha vivenda que non chegou a levantar.

Este home, J.G.P., que xa foi condenado por estafa con anterioridade por un xulgado de de Vigo, será xulgado o xoves na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, o acusado fíxose pasar por responsable dunha empresa de construción que non existe e pactou con M.P.C.L. a construción dunha vivenda no partido xudicial do Porriño (Pontevedra), pola que ela pagaría 138.775,79 euros.

Para ese efecto, ambos asinaron un contrato privado de obra en abril de 2008, e estableceron que a muller abonaría un primeiro pago de 6.000 euros en concepto de provisión de fondos e o resto pagaríao en oito prazos de 16.596 euros.

Deste xeito, a muller fixo o primeiro pago de 6.000 euros e abonou tamén dous dos prazos acordados. Ademais deste diñeiro, a vítima accedeu a facer un pago extraordinario de 13.000 euros adicionais reclamados polo suposto construtor, que alegaba un encarecemento dos materiais e un incremento dos gastos.

Débeda con proovedores

Así, o acusado fíxose, supostamente, con case 52.200 euros que quedou para el, xa que tampouco pagou aos provedores subcontratados, aos que debía algo máis de 16.000 euros.

De feito, a propia vítima tivo que pagar a estas empresas e, tras constatar que o acusado nin pagaba aos provedores nin avanzaban na obra, acabou contratando a outra construtora para que acabase os traballos.

Por estes feitos, a Fiscalía considera a J.G.P. autor dun delito de estafa, co agravante de reincidencia, e pide para el 3 anos de cárcere. Así mesmo, reclama, en concepto de responsabilidade civil, que indemnice a M.P.C.L. en case 69.000 euros (polo diñeiro estafado e polos gastos a provedores que tivo que asumir a vítima).