Desde este verán e ao menos durante os próximos dous anos, o Campus do Mar da Universidade de Vigo asumirá as funcións de Nodo Nacional do Mecanismo de Asistencia para o Plan de Acción da Estratexia Marítima Atlántica da Comisión Europea, unha estratexia coa que a Comisión Europea pretende animar aos Estados Membros a traballar xuntos nos diferentes ámbitos da economía azul nos que, anteriormente, cada estado o facía de xeito individual.

“Trátase de compartir información, custes, resultados e mellores prácticas, así como xerar ideas para outros ámbitos de cooperación das actividades marítimas”, explica o director do Campus do Mar, Daniel Rey, quen fai fincapé en que dito plan inclúe tanto actividades tradicionais como a pesca, a acuicultura, o turismo e o transporte marítimo, como cuestións máis emerxentes como as enerxías renovables e a biotecnoloxía mariña.

“Con esta decisión da Comisión Europea recoñécese a capacidade de coordinación no ámbito mariño do Campus do Mar, ao converternos na referencia nacional que asesore sobre o financiamento dispoñible a nivel da Unión Europea, nacional e rexional para os proxectos executados no contexto do plan de acción e o seu seguimento”, recalca Rey, ao que engade que isto executarase a través da creación de redes e a cooperación entre as partes interesadas, tanto a nivel nacional como da UE.

“É un paso importante, no que é fundamental o importante apoio que nos está prestando a oficina de I+D”, recoñece o actual responsable de Campus do Mar.

“A relación cos outros catro nodos nacionais é moi fluída. O contacto a través do correo electrónico é semanal co fin de coordinar actividades e crear relacións entre participantes dos diferentes países”, explica Rey, ao que engade que xa se levaron a cabo dúas reunións en Bruxelas, unha de presentación ao Grupo de Dirección do Atlántico, o pasado mes de xullo, e outra de coordinación e formación este mesmo mes.

“Así mesmo, xa se apoiou tamén a organización dun taller de consulta da Comisión Europea sobre Enerxías Renovables Mariñas celebrado en Las Palmas o pasado 12 de setembro, ao que asistimos, como parte dun proceso para revisar o plan de acción”.

Daniel Rey, director do Campus do Mar/ Duvi

Entre as funcións que asumirá a partir de agora Campus do Mar como Nodo Nacional atópase a de sensibilizar e informar sobre o plan de acción e sobre as iniciativas de política marítima adoptadas pola comisión, os estados membros e as rexións, así como facilitar a creación de redes e a cooperación entre as partes interesadas.

“Ademais tamén é labor nosa levar a cabo labores de asesoramento sobre financiamento e recursos de apoio dispoñibles para os promotores de proxectos, tanto a nivel da Unión Europea, como nacional e rexional”, recalca o director do Campus do Mar.

Como nodo nacional do Mecanismo de Asistencia, tamén lle corresponderá ao Campus do Mar contribuír á monitorización dos progresos realizados na aplicación do plan de acción mediante a identificación de proxectos e boas prácticas.

Por outra banda, será básico organizar e apoiar a organización de seminarios e conferencias, así como participar en eventos do ámbito nacional ou a rexión Atlántica. Neste sentido o director do Campus do Mar salienta que nestes momentos se está a elaborar a folla de ruta para os vindeiros seis meses, calendario no que se concretarán as diferentes actividades que se van a levar a cabo.

Entre os novos labores de Campus do Mar está tamén incrementar a relación cos representantes políticos responsables da implementación do plan de acción a nivel nacional.