Coñece as 8 películas que escolleu a UVigo para despertar conciencias contra a violencia sexual

Imaxe de La vida secreta de las palabras, unha das películas que se proxectará/ Duvi

A Facultade de Dereito da UVigo acollerá do 11 de outubro ao 20 de novembro unha nova edición do ciclo “Pensar o Cine”. A cita celebra este ano a súa décima edición e faino abordando un tema de debate na actualidade no eido social e xurídico como é o da violencia sexual.

Serán oito as proxeccións e oito as conferencias doutros tantos expertos e expertas que abordarán cuestións relacionadas con esta violencia, desde a construción da masculinidade ata o consentimento.

“Nesta edición cumprimos xa dez anos. É unha desas cifras redondas que hai que resaltar e celebrar”, comenta Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito coordinador da cita xunto a María Lameiras, profesora da Facultade de Ciencias da Educación.

Langosta será unha das películas que se proxectarán/ Duvi

“O balance que facemos desta década é moi positivo porque ano tras ano as novas xeracións de estudantes vanse asomando a este ciclo e sobre todo ás problemáticas que aborda desde unha perspectiva crítica, como é a igualdade de xénero”, comenta Pablo Raúl Bonorino sobre a iniciativa, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Pensar o Cine, lembran desde a súa organización, ten abordado en numerosas edicións aspectos relacionados coa cuestión de xénero e nesta ocasión a temática elixida é a violencia sexual.

“Neste ciclo estamos traballando nos últimos anos na visibilización dos diferentes tipos de violencias que sofren as mulleres dentro das sociedades patriarcais, desde as formas máis hostís e evidentes ata as máis sutís e encubertas”, comenta María Lameiras.

María Lameiras e Pablo Raúl Bonorino, coordinadores do ciclo/ Duvi

Segundo explica a coordinadora da iniciativa, a elección da violencia de xénero para esta edición fíxose en consonancia co debate aberto recentemente na sociedade tanto polo movemento Me Too, de denuncia de agresións sexuais e acoso sexual, como pola sentencia do caso da Manada.

“Hoxe máis que nunha é necesario pór en riba da mesa o debate sobre a violencia sexual”, afirma a responsable do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo.

A violencia sexual, recalca María Lameiras, “é a columna vertebral da violencia contra a muller”. Por este motivo, a profesora subliña a importancia de, fronte á educación patriarcal recibida, “entrar na cultura do consentimento activo, de que se quero bicar a alguén primeiro hai que preguntarlle a esa persoa se a podo bicar”.

Ademais de mudar a concepción do que significa o consentimento, a experta recalca a importancia de continuar loitando a través da educación na loita contra a consideración da muller como un obxecto ao servizo do pracer do home e contra mitos respecto ao amor romántico, á masculinidade e ao control do desexo.

A programación arrancará o día 11 de outubro cunha sesión sobre a “muller vítima e vitimaria” da violencia sexual na que se proxectará a película Terciopelo azul, dirixida por David Lynch, e na que falará Macario Alemany, da Universidad de Alacante.

Para falar de violencia de xénero e patriarcado, proxectarase o día 17 de outubro Solas, de Benito Zambrano, e intervirá Concha Roldán, do CISC. A masculinidade e a súa relación coa violencia sexual será o tema da sesión que terá lugar o día 24 de outubro, na que se proxectará Los chicos no lloran, de Kimberly Peirce, e intervirá Pablo de Lora, da Universidad Autónoma de Madrid.

Xa para rematar outubro, o día 30 a propia María Lameiras falará sobre as relacións románticas do patriarcado despois de ver a película Langosta, de Yorgos Lanthimos.

Cartaz do ciclo/ Duvi

En novembro a programación arrancará cunha sesión o día 7 na que se proxectará a película Las patologías del amor e na que falarán Verónica Gulussio, da Universidad de Buenos Aires, e Lorena Campo, da Universidade de Vigo, e continuará o día 8 coa proxección de Corazón salvaje e a intervención sobre fantasía e violencia sexual de José María Pérez Collados e Manuel Vial, da Universidade de Girona.

Para abordar a visión feminista da violación, o día 14 proxectarase no campus Fóllame, de Virginie Despentes e Coralie Trinh Thi, e falará Concepción Torre, da Universidad de Alacante.

Por último, Pensar o Cine pecharase o día 20 cunha sesión sobre a violencia contra a muller nos conflitos bélicos na que se poderá ver a película La vida secreta de las palabras, de Isabel Coixet, e intervirá Rosa Sanseagudo, da Universidad Carlos III de Madrid.

Cada unha das películas proxectadas nas sesións, que son abertas a todas as persoas interesadas, ofrecen nha perspectiva de interese sobre a temática da violencia sexual, mesturando obras moi diversas desde o punto de vista audiovisual e narrativo.

“É necesario fomentar a conciencia crítica e o cine pode ser unha ferramenta para contrarrestar a súa anestesia ou adoutrinamento”, comenta por último María Lameiras.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here