InicioPolíticaO Concello de Vigo recoñece o peche temporal do parque de bombeiros...

O Concello de Vigo recoñece o peche temporal do parque de bombeiros en Coruxo

O Concello de Vigo recorrerá á contratación de interinos para paliar o déficit de bombeiros no servizo de extinción de incendios, de maneira que se sumarán 15 efectivos, máis outros 16 que se incorporarán en próximos días e están a acabar a súa formación.

PUBLICADO O

O goberno municipal de Vigo confirmou este venres o peche temporal do parque de bombeiros provisional instalado en dotacións da antiga EDAR de Coruxo por falta de efectivos, e ratificou a próxima incorporación de 31 novos traballadores ao servizo (16 bombeiros que xa están en prácticas e outros 15 que serán contratados como interinos).

A través dun comunicado, o goberno local afirmou que o actual persoal do servizo municipal de extinción de incendios está composta por 103 persoas (aínda que a relación de postos de traballo elévase a 149 e os sindicatos aseguran que non se chega ao centenar) e que hai dispoñibles 66 bombeiros, porque 24 están de baixa e outros 13 de vacacións.

Nestas circunstancias, desde o Servizo de Bombeiros considerouse máis operativo e eficaz agrupar todos os efectivos no parque de Teis, que conta con todos os vehículos e dotacións dispoñibles”, apuntaron fontes municipais.

Segundo os datos trasladados desde o Concello, descontando baixas e vacacións, estarían dispoñibles 66 bombeiros. No caso de que todos eles estean operativos para traballar por quendas (algúns están en comisión de servizo, que finalizará proximamente, ou na área de prevención), a media de bombeiros en cada un do cinco quendas sería de 13,2 efectivos. O propio goberno aprobou un decreto en 2010 que establecía que o mínimo dispoñible debían ser 20 efectivos.

En todo caso, o goberno local fixo fincapé en que, aínda “a pesar da pandemia”, aprobou a Oferta de Emprego Público e a contratación de interinos para aumentar o persoal en 31 bombeiros, que se incorporarán en “próximas semanas”, tal e como xa a anunciou en rolda de prensa este venres o alcalde, Abel Caballero.

Así mesmo, no seu comunicado, o goberno local reitera as críticas do rexedor ás centrais sindicais que denunciaron supostas irregularidades ante o Consello de Contas de Galicia, e apuntou que este organismo autonómico “reprendeu severamente” a eses sindicatos “por presentar denuncias falsas”, arquivando a súa petición de abrir un expediente.

CONTRATACIÓN DE INTERINOS

O Concello de Vigo recorrerá á contratación de interinos para paliar o déficit de bombeiros no servizo de extinción de incendios, de maneira que se sumarán 15 efectivos (tras o período de prácticas), máis outros 16 que se incorporarán en próximos días e están a acabar a súa formación.

Os sindicatos, no entanto, advertiron de que estes novos 31 bombeiros non son máis que “un parche” e que non darán resposta ás necesidades a medio e longo prazo dunha cidade como Vigo, segundo apuntou o delegado da CUT, David Álvarez Salgueiro.

A relación de postos de traballo do servizo municipal de bombeiros está integrada por 149 efectivos pero, na práctica, hai menos dun centenar de bombeiros polas xubilacións e a falta de reposición, segundo apuntou Gerardo Fernández de CC.OO.

A situación no verán volveuse complicada porque, ás baixas, sumáronse as ausencias por vacacións e por outras circunstancias (corentenas por Covid). “A contratación de interinos segue sen ser suficiente. Hai días que non chegamos a 11 bombeiros”, apuntou Fernández.

Así, a pesar de que o goberno local aprobou en 2010 un decreto que establece que en Vigo debe haber como mínimo 20 bombeiros nos parques (3 mandos, 11 bombeiros, 5 condutores e un bombeiro de comunicacións), Fernando Solveira (CIG) advertiu de que, nos últimos dous anos, “hai máis días nos que non se chega a ese mínimo que os que si se cobre” e o “colapso é sistémico”.

Segundo afirmou, hai que cubrir con interinos “todas as vacantes” e non só as prazas convocadas nas OPE, e ratificou que o novo persoal non cubrirá todas as quendas e que, nos próximos dous anos, xubilaranse “polo menos 20 bombeiros”.

CONFLITO

Os sindicatos CUT e CIG, aos que logo se sumou CC.OO., convocaron en 2019 unha folga indefinida no servizo que se prolongou máis dun ano e medio, para reclamar medidas que corrixan o déficit de persoal e para denunciar a aprobación dun decreto que suspendía os seus descansos e impúñalles horas extras.

Os xulgados declararon nulo ese decreto e tamén invalidaron o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno municipal con motivo da folga, xa que obrigaba a traballar ao mesmo número de efectivos que habitualmente estaban dispoñibles.

Ademais destas denuncias, varias centrais tamén pediron a incoación dun expediente ante o Consello de Contas para “dilucidar o destino dos ingresos recadados en concepto de contribucións especiais” da xestora de concertos para a contribución ao servizo de extinción de incendios de Vigo, antes Unespa; e solicitaron que se ordenase a instrución dun procedemento de responsabilidade contable se se constataba algunha “irregularidade”.

Nese caso, a petición foi arquivada porque, entre outras cuestións, “os feitos citados na denuncia están suxeitos á interpretación do denunciante e non están sostidos por ningún medio que acredite a súa veracidade”, aínda que instou a “investigar”.

Desde o inicio do conflito, o goberno local sempre mantivo que a prestación do servizo estaba garantida, e con seguridade, e defendeu as xestións para tentar mellorar a situación, como a incorporación de novos efectivos no marco das Ofertas de Emprego Público (os últimos que se sumaron ao servizo foron unha ducia, en decembro de 2019) ou a entrada mediante o sistema de comisión de servizo (ofertáronse 15 prazas e cubríronse 3).

Con respecto ás sentenzas en contra, o alcalde olívico limitouse no seu día a asegurar que o Concello as cumprirá e, sobre o arquivo das denuncias no Consello de Contas, reclamou a “dimisión” dos representantes sindicais que as interpuxeron por “mentireiros e calumniosos”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...