Un home de 29 anos domiciliado en Madrid, M.C.G., foi imputado por un delito contra a seguridade viaria tras ser sorprendido mentres conducía en sentido contrario ao da marcha e baixo efectos das bebidas alcohólicas en Vigo.
Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este domingo sobre as 5,40 horas, cando os axentes deron o alto a un vehículo que circulaba en sentido contrario polo paseo Granada. Así, observaron que o condutor presentaba síntomas de atoparse baixo efectos das bebidas alcohólicas, polo que o someteron ás probas correspondentes.
Dado que os resultados, 0,74 e 0,82 miligramos por litro de alcol en aire expirado, excedían o límite penal establecido, imputouse un delito contra a seguridade viaria ao condutor.
Noutra orde de cousas, pasadas as 16,30 horas deste venres, unha patrulla que se atopaba en Travesía de Vigo deu o alto a un turismo ao sospeitar que fora sometido a unha reforma de importancia.
Así, os policías identificaron o condutor, un home de 35 anos domiciliado en Redondela, G.P.C., e sometérono a un test de drogas ante os síntomas que presentaba. Finalmente, este home arroxou un resultado positivo en cannabis, polo que foi denunciado.