Os “parches” do centro médico da Guarda: “estamos sobrecargados, ao límite”

Os sanitarios do centro médico denuncian que a "falta de persoal" no centro está a empeorar a atención a "miles de pacientes", especialmente os crónicos.

Exterior do centro médico da Guarda/redaccionmedica.com

Nova denuncia contra a falta de persoal en centros sanitarios de Galicia. O derradeiro berro contra unha problemática denunciada dende hai anos ao longo da Comunidade vén de xurdir da Guarda. Fontes do equipo médico deste concello do Baixo Miño subliñan que están a atravasar unha situación “límite” dende hai xa “arredor dun ano”: catro prazas cubertas con persoal fixo dun total de oito.

Álvaro Lamas fai de portavoz de todo o colectivo implicado. El é médico de familia do centro en cuestión e vive en primeira persoa a “sobrecarga” derivada desta falta de persoal. Segundo explica, as deficiencias orixináronse a raíz de baixas de longa duración e profesionais que, por razóns diversas, solicita adecuacións para poder traballar nas instalacións doutro concello.

O resultado é que o centro de saúde da Guarda estaríase a manter tan só con catro traballadores fixos ou con contratos de certa duración, mentres que o resto consisten en contratacións esporádicas ou por horas. “Vanse parcheando con persoal doutros centros que vén aquí prolongar xornada”, apunta Lamas, que explica que a problemática se estende tamén ao eido da enfermería, limitado de por si pola derivación de traballadores á campaña de vacinación.

Estas deficiencias, que segundo apunta o sanitario se virían prolongando dende hai xa arredor dun ano, nun coidado menos especializado. “Van chamando a ver quen se presta a facer horas por unha determinada cantidade”, explica Lamas, que cifra en tres hora e media para 30 pacientes o paquete habitual. O problema estaría en que, con este modelo, a continuidade no seguimento dos pacientes resulta perdido. “Deteriora un pouco a atención ás patoloxías crónicas”, valora Lamas, que engade: “Miles de persoas que non teñen un seguimento por un médico que coñeza a súa problemática, por tanto unha discriminación”.

MÁIS CARGA DE TRABALLO

Por riba, este modelo de contratación ‘por horas’ estaría a supoñer unha maior carga de traballo para o persoal fixo, que remata facéndose cargo de urxencias máis alá das que lles corresponderían. Así é que, no centro de Saúde da Guarda, segundo denuncia Lamas, é habitual saír “unha hora ou hora media” despois da fin da quenda, cando menos sobre o papel, rematara.

Ante esta situación, no centro optaron por mobilizarse a través da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda. Á parte, e segundo as mesmas fontes, dirixíronse “en numerosas ocasións” ao Sergas para queixarse dunha situación “límite” no tocante ao persoal e para a cal o Servizo Galego de Saúde non achega solucións.

“Sempre nos din o mesmo: que non hai persoal, que tentan facer o que poden pero que non hai médicos suficientes para contratar”. Lamas non resta credibilidade ao argumentario do Sergas, pero engade que esta falta de persoal “é produto das políticas dos últimos anos”. Apunta, neste aspecto, á tan denunciada precariedade contractual, “unha taxa de resposición moi baixa” e, en suma, unhas malas condicións que levarían aos profesionais da sanidade a marchar a outras áreas sanitarias, Comunidades Autónomas ou mesmo especialidades.

A problemática da fuga de traballadores déixase sentir con especial virulencia en concellos como a A Guarda, que teñen que competir cos centros sanitarios de núcleos como Vigo e Redondela sen incentivo algún. “Falta xente para contratar pero tampouco dan pasos para mellorar as condicións contractuais”, espeta Lamas, que deixa caer unha última adertencia: “agora chega o verán, cando se multiplica a poboación da Guarda pola xente que ten segundas residencias, co cal é unha situación bastante crítica”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here