“O macroparque eólico na serra da Groba é un crime imperdoable”

Ecoloxistas en Acción denuncia que este proxecto arrasa con numerosas especies réptiles en perigo de extinción en Galicia.

Trala conclusión dos estudos de impacto ambiental do macro proxecto eólico Albariño que se estenderá pola Serra da Groba e o Galiñeiro, Ecoloxistas en Acción denuncia a “total ausencia de mencións á presenza de especies incluídas no catálogo galego de especies ameadazas”.

Para minimizar os perigos, a organización propón aos concellos afectados polo proxecto – Baiona, Gondomar, Oia, Tomiño e O Rosal – declarar “Espazo Natural de Interese Local” esta zona para evitar danos a nivel paisaxístico e de hábitats de especies protexidas. 

Segundo explica a organización nun comunicado, este proxecto contempla a instalación e cimentación de 44 muíños na Serra da Groba e 13 no Galiñeiro e “terá consecuencias irreversibles sobre as especies ameazadas que fan o seu ciclo vital a rentes do chan”.

O HÁBITAT DE MOITOS RÉPTILES

Nomean, concretamente, a unha das tres poboacións de sapo de esporóns que queda na provincia de Pontevedra e á que se considera a máis numerosa a día de hoxe, que ademais, está incluída no catálogo de especies ameazadas coa categoría de vulnerable. 

Tamén se ten constatada a presenza do escáncer ibérico (Chalcides bedragai) nunha das poucas poboacións rexistradas na provincia (incluído igualmente na categoría de vulnerable), e de especies como a píntega rabilonga, a rela ou a ra patilonga. O constante rexistro que dende hai tempo leva facendo Ecoloxistas en Acción sobre a zona permítelles asegurar que “neste singular espazo natural se atopan un mínimo de 15 das 26 especies réptiles presentes en Galicia”. 

Á vista disto, a organización denuncia o “escaso compromiso” da Xunta de Galicia e doutras institucións galegas “para coa conservación do patrimonio natural do país”. “Unha vez máis vemos como especies ameazadas ven o seu hábitat destruído polo ánimo de lucro duns poucos, moi poucos, en realidade. Plantificar un campo eólico na serra da Groba é en sí mesmo un crime moi dificil de xustificar e imperdoable”, sentenzan. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here