InicioVal MiñorGondomarOs veciños de Gondomar poderían quedar sen votar nas próximas eleccións autonómicas

Os veciños de Gondomar poderían quedar sen votar nas próximas eleccións autonómicas

O concello non podería constituir as mesas electorais sen supervisión do secretario municipal.

PUBLICADO O

Así o denunciou esta mañá o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira. O motivo viría dado pola falta de substituto/a para o posto do secretario municipal titular, que se atopa de baixa laboral.

Ferreira apunta a que a administración local atópase “en situación de bloqueo” e que repercute directamente na actividade do concello e sinala directamente como culpable á Xunta pola “pasividade á hora de nomear un substituto e denegar a posibilidade do nomeamento dun funcionario municipal de forma accidental”.

Dende o o goberno de Gondomar apuntan que en previsión da imposibilidade de prorrogar o nomeamento accidental de secretario que finalizou o pasado 4 de marzo, requeriron á Xunta o pasado 27 de febreiro, unha solución; solución que segundo Ferreira, “só podería aportar a Xunta dado que é a administración que ten competencias sobre o nomeamento dos secretarios das entidades locais” e que segundo apunta “non foi atendida por parte da adminstración autonómica.”

Unha situación que provocou que o concello solicitase auxilio á Deputación Provincial para evitar así a paralización da actividade municipal.

Segundo sinala Ferreira nun comunicado, a falta de secretario obrigou ao goberno local a suspender a convocatoria de plenos, xuntas de goberno así como a tramitación de subvencións ás que concorre Gondomar e “que se están enviando sen a sinatura do secretario, coa lousa que iso conleva sobre axudas e investimentos previstas non noso concello”.

En perigo a constitución das mesas electorais

O executivo local remitiu nas últimas horas un escrito á Xunta Electoral Central e á Subdelegación do Goberno de España en Pontevedra, advertindo desta situación e sinalando que a deixadez por parte Xunta á hora de asumir as súas competencias de designar secretario “poría en perigo a celebración do pleno de constitución das mesas electorais e do propio proceso dous próximos comicios, ao depender directamente da supervisión desta figura da administración”.

Críticas ao goberno da Xunta e ao PP local

Ferreira afirmou nun comunicado que a Xunta abandonou as súas obrigas como goberno galego con Gondomar “para centrarse na carreira electoral do presidente Alberto Núñez Feijóo ante as próximas eleccións autonómicas do mes de abril”.

Unha actitude que, recrimina tamén ao grupo do Partido Popular de Gondomar e a súa representante Paula Bouzós denunciando que “antepón os intereses e directrices que ou seu partido lle marca dende San Caetano á defensa de Gondomar e os seus habitantes”.

A Xunta sinala que ofreceu ao concello tres opcións que non tiveron resposta

Pola contra a Xunta sinala nun comunicado que propuxo ao Concello de Gondomar varias opcións para que puidese cubrir a vacante do Secretario Municipal por incapacidade temporal do titular da praza.

Aseguran que informaron da opción de cubrir o posto cun funcionario interino da bolsa autonómica destinada a dar cobertura ás prazas vacantes para desempeñar postos de habilitación nacional nos concellos galegos que así o precisen.

Engaden que o Goberno galego tamén lle trasladou ao Concello que tiña outras alternativas como a acumulación de funcións o outro funcionario habilitado ou recorrer á prestación dos servizos de asistencia a municipios da Deputación Provincial para supostos concretos de ausencia temporal do secretario ou interventor.

Dende a Xunta sinalan que xa deron resposta cando o Concello solicitou un nomeamento de persoal accidental dun funcionario de carreira do propio municipio que se lle concedeu o pasado 5 de febreiro. Deste nomeamento, limitado a un prazo dun mes, “non puido aceptarse a solicitude de prórroga do Concello, posto que a proposta non cumpría co requisito de pertencer ao subgrupo A1 requirido para as entidades locais de máis de 5.000 habitantes“, en base ao Real Decreto 128/2018 polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...