InicioCulturaBueu leva o Jazz no corpo

Bueu leva o Jazz no corpo

Nace o I Festival Internacional de Jazz de Bueu, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño.

PUBLICADO O

A Asociación de Jazz de Bueu e o Concello de Bueu promoven o I Festival Internacional de Jazz de Bueu, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila e que incluirá un total de sete actividades.

Así o salientaron na rolda de prensa celebrada este xoves no 2º andar da Praza de Abastos, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, Concelleiro de cultura, e Chus Pazos, presidente do colectivo impulsor, amais doutros músicos participantes no evento.

Leal destacou que o festival se organiza neste mes de xuño dado que coincide o Día da
Música o 21, polo que “quixemos apostar por un evento de jazz que nace dende unha
asociación e que nos últimos tempos está gañando adeptos”.

Esta idea tamén foi apuntada polo alcalde, que puxo o foco de atención no apoio que mostrou o sector privado a este evento, no que se simboliza a “unión de todos os axentes sociais que temos algo que achegar a favor da cultura”.

Presentación do festival / Concello de Bueu

Tal e como explicou Chus Pazos, neste festival agárdase a presenza de varios músicos
internacionais (o baterista iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello), das distintas comunidades da Península e cun
especial protagonismo de músicos galegos.

A programación arranca o 7 de xuño cun concerto a cargo do Cuarteto do cantante e
saxofonista lucense Antonio Otero, que se celebrará ás 21:00 h no Farol, e que
combinará “un espectáculo vibrante, cheo de swing e bo humor”. Xunto a el estarán
Álvaro Vieito á guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.

O 8 e o 9 celebraranse dous concertos centrais na Praza Massó con acceso de balde. O
venres, a partir das 22 horas, será a quenda de JUZZ, a banda liderada polo guitarrista
galego Virxilio da Silva quen, xunto a Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan
Campos, Felix Barth e Iago Fernández, ofrecerán un espectáculo que mestura o rock
máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta co pop avant-garde máis experimental, o noise, o stoner e o jazz, e que procura a liberdade e a esencia subversiva.

O sábado, á mesma hora, a cidadanía poderá escoitar a música de Antonio Lizana
Group, un saxofonista e cantante gaditano, “expresivo, fresco, persoal e convincente, que
introduce sabores e cores propias da súa terra, cun estilo que navega entre o flamenco e
o jazz, lonxe do convencionalismo”, subliñan dende a organización.

No programa tamén se inclúen dúas jam sessions e outras de jazz de mediodía en
diversos locais hostaleiros da vila. Felipe Villar Trío actuará o 8 de xuño a medianoite
no B-Living para ofrecernos composicións orixinais dos seus últimos discos “Home” e
“Outro”, coa compañía do contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez.

Unha demostración / Concello de Bueu

O sábado tamén a medianoite actuarán no Aturuxo o Cuarteto de Sunil López, unha
banda formada por Diego Alonso, Álex Touceda e Héctor Agulla, que presentarán
temas que van desde o jazz máis tradicional ao contemporáneo, con tintes doutros
xéneros como o rock ou a música clásica.

Finalmente están as sesións de jazz de mediodía. Precisamente, M.G.V. Trío actuará o
sábado ás 13 horas no Leña Verde, da man de Miguel González (unha das novas
promesas do jazz na nosa comunidade), Brais López e Íñigo Azurmendi, que farán as
delicias das persoas asistentes cun espectáculo de jazz “vibrante, tanto polo dominio do
instrumento coma pola calidade da linguaxe”.

E pecharán estas sesións, Pablo Sanmamed Trío o domingo ao mediodía en La Perfecta. O artista estará acompañado por Iago Mouriño e Bruno Couceiro, cos que se atreverá con composicións propias e revisitacións de compositores como o exipcio Ibraim Al Aryan ou Ariel Ramírez.

A Asociación de Jazz de Bueu naceu en xuño do pasado ano e xa ten organizado un
Festival de Entroido Swing en Bueu, ademais de impartir talleres musicais de jazz na Casa
da Música Manuel Omil.

 

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...