InicioSen categorizarO BNG esixe á Xunta alternativas para salvar Vulcano

O BNG esixe á Xunta alternativas para salvar Vulcano

Os nacionalistas instan o Goberno galego a intervir "para poñer capital" ou a "estudar a posibilidade de construír aquí un centro de reparacións navais".

PUBLICADO O

O BNG levará de novo ao Parlamento autonómico unha pregunta á Xunta sobre o papel desempeñado na crise dos estaleiros Vulcano, anunciou este martes o deputado nacionalista galego Luís Bará. O representante do BNG explicou a súa preocupación pola situación que atravesa do estaleiro vigués tras reunirse con membros do comité de empresa.

Segundo Bará, a Xunta debería intervir “para poñer capital”, de modo que o estaleiro continúe a súa actividade como ata o de agora ou para, como tamén propuxo no seu momento o BNG, “estudar a posibilidade de construír aquí un centro de reparacións navais”.

Bará lamentou que en 2019, cando Vulcano tería que estar a celebrar o seu centenario, “esteamos a vivir unha especie de funeral, de intento de enterro do que foi un dos grandes emblemas da construción naval en Vigo”, e sinalou como responsables da crise á patronal e a Xunta de Galicia.

Para o BNG, a Xunta “chantaxeou” os traballadores pedíndolles “ese esforzo de traballar sen cobrar seis meses” para finalizar o ferry que tiña contratado a empresa, e despois “deixounos completamente abandonados” incumprindo os seus compromisos.

Respecto diso, o presidente do comité de empresa de Vulcano, Nicolás Sangabriel, indicou que os traballadores se senten “abandonados, á espera de que o xuíz dite un auto coa extinción dos contratos” laborais.

Sangabriel sinalou que os empregados pasan por unha situación de “incerteza” con “moitas preguntas sobre que vai pasar co estaleiro”.

Os 70 traballadores do estaleiro están “desesperados” e á espera de que alguén na Xunta se poña en contacto con eles, algo que de momento non sucedeu, apuntou.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG Xabier Igrexas no Concello de Vigo, que tamén participou na reunión, anunciou a intención de promover unha iniciativa municipal para “defender o emprego e a necesidade de continuidade de Vulcano”.

Segundo Igrexas, “a falta de política industrial por parte da Xunta de Galicia do PP está a condenar á desertización industrial á cidade de Vigo e á comarca e, desde logo, está a poñer en xaque un sector, unha actividade, que para nós é estratéxica e fundamental”.

O comité de empresa de Vulcano leva todo o verán tratando de solicitar apoios institucionais para conseguir reverter unha situación que, segundo Igrexas, se nada cambia, “vai abocar ao peche e á desaparición dun estaleiro centenario na nosa cidade e na ría de Vigo”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...