InicioCulturaA Movida Viguesa hoxe: "Se Caballero ou a oposición reivindicaran Vigo como...

A Movida Viguesa hoxe: “Se Caballero ou a oposición reivindicaran Vigo como unha cidade de músicos todo cambiaría”

A Movida Viguesa é probablemente o período musical máis lembrado da historia da cidade, pero que elementos foron necesarios para que iso fora así? Queda algo aínda daquel tempo? Miguel Costas, un dos músicos máis importantes da época, Denis Carballás compoñente de The Riggos e director dun documental sobre a música viguesa e Jacobo Mouriño, vocalista do grupo vigués de black metal Dioivo dan as súas impresións.

PUBLICADO O

A Movida Viguesa é un dos períodos máis míticos da cidade. Todo o mundo o lembra pero cada vez son menos os que o viviron. Os anos 80 foron unha etapa turbulenta nunha cidade gris e cunha gran inquedanza pola reconversión do sector naval, a música foi no que se refuxiou parte da mocidade nun berro ao ceo ás veces baleiro aínda que gran volume. Unha etapa a nivel artístico moi prolífica que aínda a día de hoxe perdura no imaxinario colectivo da cidade case corenta anos despois.

Miguel Costas é unha figura ilustre na música viguesa. Formou parte de Siniestro Total sendo vocalista da banda nos seus discos máis emblemáticos, Aerolineas Federales e Los Feliz. Actualmente segue en activo Costas, o proxecto que comanda dende fai uns anos. El lembra os oitenta como “un momento en que che preguntaban onde estaba Vigo” debido ao incrible que era o movemento musical nunha cidade tan pequena “no que ata seis grupos sacaran disco, un número incrible para a época”.

Tras ese éxito dos grupos que conformaba e de outros como Golpes Bajos ou Semen Up, “outros se sumaron ao carro. Escultores, pintores e o propio Concello. Aí foi cando se comparou con Madrid e se fixo todo o mito que existe hoxe”, afirma. Lembra con ironía que “cando chegaba a xente todo o mundo preguntaba onde estaba a Movida, pero e que alucinaban porque todo era pequeno, soamente había tres bares nos que tocaba todo o mundo”. A este respecto, sinala que o que ocorría é que ía todo o mundo a ver concertos “que é o que non pasa hoxe en día”.

A MUSICA EN VIGO NOS OLLOS DUNHA CÁMARA

Denis Carballás é músico e graduado en Comunicación Audiovisual pola UVigo, ademais ten unha relación indirecta con Costas xa que toca en The Riggos, unha banda integrada entre outros polos seus fillos Bruno e Yago. Ademais, con Pablo Vázquez dirixiu o documental Cuna de músicos, que fai un repaso á música viguesa dende os anos 80 coa participación de músicos que aínda seguen en activo como Julián Hernández ou Eladio Santos.

“A rodaxe durou sete meses, pero contactar cos músicos foi bastante sinxelo porque a moitos xa os coñecíamos e aínda que a algúns non, non tivemos maiores problemas con ningún”, indica Carballás. Tiveron a oportunidade de participar coa película no último Cineuropa, o prestixioso festival de cinema que se celebra anualmente en Santiago de Compostela dende fai máis de trinta anos. “Presentámonos e nos colleron, pero a verdade é que foi moi de chorra, non o agardábamos. Para nós, proxectalo nunha sala como Numax foi a hostia, velo nunha pantalla en condicións e que representa tanto para o cinema independente galego foi xenial”.

FALTA DE APOIO INSTITUCIONAL

As conclusións de Carballás tras dirixir o documental é que antes as bandas tiñan moita máis divulgación que a teñen agora. “Se viñera Caballero ou un partido da oposición e reivindicase Vigo como unha cidade de músicos todo cambiaría. O que está claro é que sen apoio institucional non se poden desenvolver as bandas da cidade”. Por outra banda, sinala que outro elemento que mudou foi que se ben antes todas as bandas colaboraban xuntas, agora “hai xente que non quere tocar con outros polo diferente dos seus estilos”. Tamén apunta a que hoxe hai menos oportunidades “polo que se alguén consegue algo non o comparte, e tamén o podo entender”, admite.

Costas neste punto indica que os grupos agora o teñen moito máis complicado. Por unha banda tamén sinala o escaso apoio institucional do que se dispón, pero engade a ecuación que Internet “non é a táboa de salvación que ía ser” referíndose á sobreposición que se da por mor de que se crea demasiado contido da rede.

Jacobo Mouriño, vocalista de do grupo de black metal vigués Dioivo, tamén vai polo mesmo camiño: “Se ben sempre foi difícil montar un grupo, nos últimos anos limitáronse moitas iniciativas nos que se podía ensaiar como a Casa da Xuventude ou mesmo no Castro. Facíanse incluso concertos de grupos de Vigosónico na Praza da Constitución que era un bo exercicio de promoción, porque a crise económica afectou moito ás salas de concertos”.

A MOVIDA A DEBATE

Para a Carballás, a Movida quedaría en moi pouco se non houbera unha colaboración e apoio activos das institucións: “Probablemente a día de hoxe Siniestro Total serían considerados soamente uns tíos que tocan mal a guitarra”. Dende o seu punto de vista, é un fenómeno que podería repetir perfectamente e incluso mellor porque “aínda que estean mitificadas as cancións de antes, coas tecnoloxías de hoxe poderíanse gravar moito mellor, serían un pepinazo”. Iso si, a diferencia que establece entre os grupos de antes e os de agora é que os actuais teñen máis calidade instrumental, pero peores cancións.

Mouriño confronta co integrante de The Riggos en que para el a Movida Viguesa foi un movemento localizado no tempo e que non se vai poder repetir: “Non ten moito sentido falar de Movida Viguesa hoxe, porque foi algo moi propio dunha etapa que xa non existe na que a cidade medraba e a mocidade quería unirse ao movemento de música pop que había en Europa occidental durante eses anos”, explica.

O vocalista de Dioivo, valora a Movida tentando desmitificar todo o que hai ao redor do período e cunha visión crítica. “Foi un movemento realmente moi rebelde sen causa, que miraba máis a Madrid que ao resto de Galicia, aínda que dadas as circunstancias é natural”.

OS MÚSICOS HOXE

Miguel Costas en Vigo é unha lenda por méritos propios e aínda segue sacando discos a día de hoxe, o último no ano 2016 No me cuentes tu vida, un album que non perde un ápice da súa esencia. Costas é para moitos músicos novos, e non tan novos da cidade un exemplo e iso a el lle agrada: “Cando alguén me di que comezou escoitándome pois a verdade é que me enche de orgullo e satisfacción, que di o outro”, chancea.

Denis Carballás publicou este ano o seu primeiro disco en solitario, Memoria, gravado integramente no pequeno estudo que ten na súa habitación: “Realmente foi para probar a gravar alí e para facer cancións mellor eu só, que é cando aprendes. The Riggos xa teñen en mente o lanzamento do seu segundo disco aínda que non saben como van sacalo: “O primeiro o sacamos cunha discográfica grande e a nivel musical foi perfecto pero a verdade é que ao disco lle faltou promoción, podería dar moito máis. Así que realmente agora non sabemos o que imos facer co próximo, explica Carballás”.

Pola súa banda, Dioivo publicou o seu primeiro disco este ano cunha pequena discográfica de Málaga especializada en metal extremo e están satisfeitos coa aceptación: “Dentro dos niveis nos que nos movemos, foi todo moi ben. Agora estamos dando concertos e todas as vilas galegas que podemos e tamén por fora pero na nosa situación temos que buscarnos a vida totalmente”, indica Mouriño.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...