InicioPolíticaA número 2 do PP de Pontevedra precedeu a Cifuentes na aparición...

A número 2 do PP de Pontevedra precedeu a Cifuentes na aparición de títulos falsos

A alcaldesa de Mos e voceira popular na Deputación de Pontevedra foi ata hai un ano “licenciada en Químicas”. O grupo municipal de GañaMos desvelara que non tiña ninguna titulación. Coma no caso Cifuentes, non dimitiu.

PUBLICADO O

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, vicepresidenta do PP de Pontevedra e voceira deste partido na deputación provincial tamén tivo o seu “mastergate”, como Cristina Cifuentes ou Juan Merlo. O que pasa é que a diferencia da presidente da Comunidade de Madrid ou do xa deputado de Podemos, ninguén lle pediu que dimitira, agás o grupo municipal de GañaMos.

 Foi esta formación vinculada a En Marea a que, hai un ano, desvelou que Arévalo non tiña título ningún. Ela mesma se presentaba (e así figuraba na web do propio PP de Pontevedra) como licenciada en Químicas pola Universidade de Vigo. Unha licenciatura que nunca obtivo, aínda que logo tentou negalo ante as cámaras da Sexta.

“CAL É O PROBLEMA?”

Tras as denuncias de GañaMos, a alcaldesa defendeuse nun pleno: “Eu non acabei a carreira porque comecei a traballar no Concello de Mos. E cal é o problema?”, preguntouse. No seu currículo político deixaba claro que era licenciada en Químicas, unha licenciatura que logo desapareceu por “estudos en Químicas”, despois da presión exercida por esta marea municipal.

En declaracións á La Sexta, único gran medio que naquel momento se fixo eco desta situación, a alcaldesa, que tivo a unha xornalista desta canle agardando toda unha mañá para coñecer a súa versión, espetou: “É incríble que teña a La Sexta toda a mañá esperando por min para preguntarme pola miña vida privada. Pero eu son unha tía transparente”, dicía.

Carlos Mouriño, Ana Pastor, Nidia Arévalo e Alberto Núñez Feijóo nun acto do Celta
Carlos Mouriño, Ana Pastor, Nidia Arévalo e Alberto Núñez Feijóo nun acto do Celta / vigoe

Tras estas declaracións, e en ton chulesco, espetou: “Para ser alcaldesa de Mos ten que votarte a xente. Algo que a xente de GañaMos non me chega nin aos nocellos. Por iso eu teño maioría absoluta e eles teñen catro concelleiros”.

Curiosa, cando menos, a reacción de Nidia Arévalo que non mereceu ningún comentario do seu partido entón e que contrasta co acontecido co xa deputado de Podemos, Juan Merlo, que tivo que dimitir por ter posto no seu curriculum que tiña a licenciatura en Inxeñaría Naval, cando só cursara estudos. Un caso case idéntico ao da número dous do PP.

 

Por outra banda, o PP tamén modificou o currículo dunha deputada por Ourense no Congreso, Ana Belén Vázquez, e suprimiu do mesmo o seu máster en Xestión pública en IESE Business School. A parlamentaria explicou que si cursou os estudos de posgrao e que, o “único que habería que corrixir” é a “denominación” do curso, que “cambia” co novo plan de estudos.

TRAXECTORIA FULMINANTE

A traxectoria no PPdeG de Nidia Arévalo foi fulmintante grazas ao apoio que obtivo do seu gran valedor, Rafael Louzán, ex presidente da Deputación de Pontevedra. Chegou á alcaldía de Mos en decembro de 2008 grazas a unha moción de censura contra a alcaldesa María Xesús Escudeiro Lago (PSdeG-PSOE) co apoio do concelleiro Gerardo Alonso, tránsfuga do PSdeG.  Unha moción que a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo declarou en setembro de 2009 como “caso claro de tránsfugas”.

Pero esa moción cun tránsfuga valeulle para dar o gran salto na política. A partir de entón encadenou maiorías absolutas e tamén foi aumentando o seu poder no PP de Pontevedra ata situarse como número dous, primeiro con  Louzán, e agora con Rueda, como vicepresidenta.

OUTRAS POLÉMICAS

Nidia Arévalo xa ten protagonizada outras polémicas sen que iso lle teña restado protagonismo dentro do PP.  En marzo do ano 2013, Nidia Arévalo foi denunciada por un membro do Bloque Nacionalista Galego por presuntas irregularidades duranto os anos 2011 e 2012 na contratación de vehículos, reparacións e seguros por parte do concello de Mos por un importe superior aos 100.000 euros, sendo esa empresa dirixida pola parella sentimental da alcaldesa.

Pero quizais a acción máis escándalosa protagonizada por Arévalo foi o acontecido no congreso de Fitur do ano 2008. Alí acudiu co seu mentor, Rafael Louzán, co obxectivo de promocionar a galiña de Mos, unha galiña que, non é orixinaria dese concello, senón do barrio de San Xulián de Mos, en Castro de Rei. Tamén chamaron a atención as elevadas facturas existentes de máis de 9.000 euros gastados a cargo dos orzamentos da deputación nunha cea no Ritz de Madrid, hotel no cal tamén se aloxaron varios políticos do PPdG, indluída Nidia Arévalo.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...