Rueda: “Dígame algunha actuación da Xunta que lle pareza ben ao alcalde (Caballero)”

Responde así tras as críticas de Caballero por anunciar que irá cos delegados territoriais aos encontros cos rexedores das grandes cidades galegas.

Alfonso Rueda, Abel Caballero e Susana Pérez, na inauguración do IV Congreso Empresarias de Galicia.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a presenza dos delegados territoriais nas reunións cos alcaldes e alcaldesas do sete principais cidades de Galicia, un feito “novo” que enmarca no coñecemento sobre terreo das cuestións locais e a que son os “interlocutores” habituais.

Neste sentido, e preguntado na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, o mandatario autonómico ironizou coas críticas do rexedor vigués, Abel Caballero, xa que o goberno local cuestiona a presenza de quen será a candidata do PPdeG nas eleccións municipais do próximo ano.

Rueda salientou que, efectivamente, é “o primeiro presidente” que despraza ás cidades estas reunións, que ata agora era unha rolda de contactos que levaba a cabo en sede oficial da Xunta. “É conveniente porque creo que é proveitoso achegarse ao lugar onde se atopan os alcaldes e alcaldesas, creo que é algo bo, unha iniciativa nova”, declarou.

Ademais, destacou que foi “ben acollida” por catro dos alcaldes e remarcou que os representantes territoriais do Goberno galego son “normalmente interlocutores” no ámbito local, o que dota ao encontro de “maior coñecemento”.

Neste escenario, preguntouse que decisión adoptada pola Xunta “parécelle ben a Caballero” e ironizou con que a novidade sería o contrario. “É a tónica normal e habitual, nada sorprendente. Dígame algunha actuación da Xunta que lle pareza ben ao alcalde..”, díxolle a un xornalista antes de engadir que catro rexedores o “aceptaron con total normalidade o que se propuxo”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here