InicioVigo e contornaO PorriñoOs grupos de esquerda do Porriño apuran prazos para chegar a un...

Os grupos de esquerda do Porriño apuran prazos para chegar a un acordo

O pleno de investidura é este xoves.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O salón de plenos do Concello do Porriño acollerá este xoves ás 18,00 horas unha sesión extraordinaria para a investidura do próximo rexedor ou rexedora, tras a renuncia da socialista Eva García de la Torre, mentres os grupos de esquerda apuran os prazos e para tentar chegar a un acordo sobre o candidato ou candidata a ocupar a Alcaldía.

A renuncia de García de la Torre, cuxo obxectivo era neutralizar unha moción de censura pactada entre o PP e EU-SON (a marca de Esquerda Unida e outros independentes), formalizouse o pasado 23 de novembro e, nese momento, iniciáronse os contactos para alcanzar un acordo que permitise manter o goberno do Porriño en mans do PSOE.

Desde a dimisión, os socialistas puxeron sobre a mesa o nome da súa candidata a suceder a García de la Torre, a número dous da lista, Lourdes Moure. Pero a continuidade da esquerda á fronte do goberno porriñés depende dun fráxil equilibrio e a aritmética, que se puido conseguir para a investidura de 2019, e antóllase complicada para este xoves.

Así, unha investidura de Moure precisaría dos votos dos concelleiros do PSOE (4), o BNG (2), EU-SON (2) e de Unión Democrática da Louriña, UDDL (1), pero o concelleiro desta última formación, Manuel Carreira, mostrou o seu rexeitamento a apoiar a investidura doutro candidato que non sexa David Alonso, numero catro da lista do PSOE (e que foi candidato na lista de UDDL en 2015).

Á marxe deste atranco, as negociacións entre PSOE e EU-SON tampouco foron doadas e, tras as primeiras tensións (e mesmo acusacións sobre as condicións que puñan un e outro grupo), recuperouse a “cordialidade” nos contactos, pero non hai acordo pechado. De feito, a reunión prevista para este xoves pospúxose, e é posible que haxa movementos no grupo socialista, tras un contacto coa súa Executiva provincial.

EU-SON valorou a posibilidade de que David Alonso sexa investido, dado que “parece o candidato de máis consenso” e tendo en conta que este grupo rexeita investir a ninguén que tivese responsabilidades económicas no goberno de García de la Torre (Moure era e segue sendo edila de Facenda).

Ante esta situación, o BNG, que goberna en coalición cos socialistas, reclamou “responsabilidade” para chegar a un acordo para manter un goberno de esquerdas no Porriño. Así mesmo, advertiu a socialistas e a EU-SON de que poden favorecer a chegada do PP á Alcaldía, e mesmo a responsable local da formación sinalou que Pedro Pereira (actual alcalde accidental) sería “a mellor opción” para dirixir o goberno porriñés.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...