InicioMedio Ambiente e PatrimonioO 'Parque da Amizade' converterase no maior parque transfronteirizo de Europa

O ‘Parque da Amizade’ converterase no maior parque transfronteirizo de Europa

O auditorio da Fortaleza de Goián acolle a presentación do proxecto definitivo deste novo lugar de ocio ao carón do río Miño.

PUBLICADO O

O lugar onde máis próximas están as beiras do Miño no seu último tramo, onde se miran Espazo Fortaleza de Goián e o Parque do Casteliño, converterase nun só parque sen fronteiras: o ‘Parque da Amizade Tomiño-Cerveira’. Unha ‘euroárea’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e un dos maiores de toda Europa.

O proxecto foi presentado este sábado oficialmente nun acto no que participaron numerosas autoridades de Galicia e Portugal, entre elas a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a ministra de Coesao lusa, Ana Abrunhosa; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. Como anfitrións exerceron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara de Cerveira, Fernando Nogueira.

Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, que fixo de guía do evento, remarcou que o ‘Parque da Amizade’ responde “á vontade de dous concellos de trazar unha axenda estratéxica común, de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través dunha unión peonil e ciclable”. “Un espazo común que aínda hoxe sen unión física está a ser trazado de maneira cohesionada e complementaria”, apostilou.

En canto aos servizos que se darán no novo espazo, subliñou que os concellos de Tomiño e Cerveira traballarán para darlle un novo impulso completando os equipamentos actuais cun novo parque botánico e unha zona de glamping, así como con piscinas, campos de xogo e mesmo un novo museo, co fin de facer o parque “aínda máis atractivo”. Os representantes municipais de Tomiño e Cerveira protagonizaron unha parte moi emotiva do acto, xa que subliñaron o “traballo histórico” conxunto e as profundas relacións sociais entre ambas as beiras.

“Hoxe colocamos un fito importantísimo para profundar na irmandade dos nosos pobos, contribuíndo a desfronterizar a vella Europa para xerar un espazo común, un parque único e continuo situado nunha vella fronteira. Queremos consolidar unha gran ‘zona franca social'”, subliñou Sandra González, quen, segundo informa a Deputación pontevedresa nun comunicado, fixo un chamamento ás maquinarias dos gobernos de Madrid e Lisboa para que o proxecto sexa unha realidade “canto antes”.

“UNHA ACTUACIÓN QUE VAI NAMORAR”

No transcurso do acto, interveu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen proclamou que este sábado é “un día precioso” porque “se fala de amizade, de fraternidade, de transformación, de ideas, de compromiso cun mundo novo onde o medio ambiente e o coidado do territorio son protagonistas”.

“Nesta comarca hai grandes valores ambientais, culturais, históricos, unha lingua que nos une, unha economía moi potente pola que temos que seguir traballando para construír futuro. Este proxecto, que permitirá unir os dous pobos veciños a través do Miño, é así de ambicioso”, manifestou, á vez que puxo en valor a calidade estética desta actuación que “vai namorar a todas e a todos”. Durante o seu discurso tamén se mostrou convencida de que o proxecto será realidade “polo pulo das mulleres”, tras incidir na presenza de numerosas mulleres políticas no acto, e recalcou que se trata dunha demanda local potente.

APOIO EXPRESO DOS GOBERNOS LUSO E ESPAÑOL

Tras a presentación do proxecto, nos discursos institucionais, a ministra de Coesão de Portugal, Ana Abrunhosa, garantiu que cumprirá a súa palabra de que a futura ponte peonil que permitirá o ‘Parque da Amizade’ sexa unha realidade. Destacou, de feito, segundo informa a Deputación de Pontevedra, que se trata dunha iniciativa que é prioritaria “e magnífica” para o goberno portugués e que debería ser mesmo anterior á alta velocidade que una Porto e Vigo. “Todos os proxectos que fortalecen a ligazón entre Portugal e Galicia son prioritarios. No tren estamos a traballar. A cooperación transfronteiriza é fundamental para nós porque a fronteira debe ser o lugar central da península Ibérica”, remarcou.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez acolle con máximo interese este proxecto. “O Miño hoxe máis que nunca tense que converter nunha oportunidade para o desenvolvemento das localidades a ambas as beiras e nunca máis nunha barreira natural“, sentenciou, antes de erixir o proxecto nun novo punto de unión entre Portugal e España.

PROXECTOS NEXT GENERATION

Pola súa banda, nun comunicado, a Xunta trasladou que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou a súa presenza no acto parade reafirmar a súa aposta polo desenvolvemento da Eurorrexión nos proxectos presentados aos fondos europeos Next Generation

Incluídos nos 354 proxectos que a Xunta de Galicia presenta á candidatura española para os fondos europeos, cun orzamento próximo aos 20.000 millóns de euros, as propostas centradas na Eurorrexión tratan de impulsar unhas relacións físicas, sociais, económicas e turísticas entre os pobos aos dous lados do río Miño que, como quedou demostrado na pandemia, son fundamentais para os seus habitantes.

ÚLTIMAS

Vigo rexistra as máximas choivas de España nunha semana na que os encoros galegos seguen ao 88%

A reserva dos encoros galegos mantense no 87,6%, cun total de 3.253 hectómetros cúbicos,...

Luz verde do Consello de Ministros á modificación que permite a conexión de moi alta tensión para Stellantis Vigo

O Consello de Ministros aprobou este martes a modificación puntual ao Plan de Desenvolvemento...

O BNG pide grupos e artistas locais en Castrelos, tamén como teloneiros, no canto do “autobombo” do alcalde

O grupo municipal do BNG en Vigo volveu a pedir un ano máis que o Concello...

A CIG denuncia que Constellium Automotive está “a vulnerar o dereito á folga” ao contratar persoal externo

O sindicato CIG denunciou este martes que a dirección de Constellium Automotive, auxiliar de...