InicioEconomíaO pleno de Vigo aproba este martes a incorporación de 13 millóns...

O pleno de Vigo aproba este martes a incorporación de 13 millóns de remanentes para diversas actuacións

A oposición rexeita o uso de fondos en "obras inaugurables" que non atenden as necesidades dos vigueses.

PUBLICADO O

O goberno municipal de Vigo levará este martes a un pleno extraordinario a aprobación (que sairá adiante dada a ampla maioría do grupo socialista) dunha modificación de crédito para incoporar 13 millóns de euros procedentes de remanentes aos investimentos de 2021.

Segundo lembrou o alcalde, Abel Caballero, a través dunhas declaracións remitidas aos medios, estes fondos servirán para acometer, entre outras actuacións, a segunda fase das ramplas de Gran Vía (entre as rúas Venezuela e Nicaragua).

Así mesmo, destinaranse os primeiros 3 millóns de euros para a construción do ascensor que comunicará a zona de García Barbón co complexo de Vialia, e o investimento completarase con outros 4 millóns o ano que vén.

Estes remanentes tamén irán destinados a provisionar partidas para outras actuacións, como o Paseo de Bouzas, o pavillón de Quirós, os campos da Guía e Fragoselo, ou diversas humanizacións. Estas actuacións suporán, segundo o alcalde, mobilizar uns 50 millóns para a economía da cidade e a xeración de “centos e centos de empregos”.

A finais do ano pasado, o goberno local xa aprobara o uso de 36 millóns de euros procedentes de remanentes para diversas obras, maioritariamente actuacións de ‘humanización’ en rúas da cidade.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A oposición criticou que se usen eses fondos das arcas municipais para actuacións que, nalgúns casos, xa foran anunciadas con anterioridade e non se chegaron a executar. Así mesmo, tanto PP como Marea e BNG afearon ao goberno de Abel Caballero que non destinase parte deses ‘aforros’ a dar axudas directas a hostaleiros ou pequenos comerciantes de Vigo para paliar as consecuencias da pandemia de Covid.

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, avanzou o voto contrario do seu grupo tras constatar que o goberno local deixou en 2020, en plena pandemia, case 120 millóns de euros do orzamento sen executar, sendo Vigo “a única cidade galega” que non deu axudas a hostaleiros e comerciantes. “Agora mobilízanse 13 millóns só para obras, pero non hai ningún investimento estratéxico”, censurou.

Marea de Vigo, que tamén confirmou o seu voto en contra da modificación de crédito, porque o destino dese diñeiro “non ten en conta a realidade social e económica que está a vivir a cidade”. Así, Rubén Pérez lamentou que o goberno local “non escoita as propostas da oposición nin do tecido asociativo” e sitúa como as súas prioridades “pór céspede artificial en campos de fútbol ou obras arquitectónicas espectaculares”.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou que Abel Caballero insista en “enterrar” recursos públicos en “obras inaugurables”, actuando “coma se non existise pandemia, nin crise, completamente fóra da realidade”. Así mesmo, criticou que o goberno municipal respondese cun “non” a todas as súas propostas para dar axudas a pequenos hostaleiros, comerciantes ou industria cultural, para aumentar a partida do Plan de Emprego, ou para mellorar barrios e parroquias periféricas.

ÚLTIMAS

O TSXG confirma a condena a comuneiros de Cabral, que deben reverter as obras dun parking en Peinador

OO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de...

A Deputación envía ao Concello o convenio para a bancada de Gol, que podería asinarse “esta semana”

A Deputación de Pontevedra enviou este luns ao Concello de Vigo o convenio para a reforma da bancada de...

A taxa de criminalidade increméntase no primeiro trimestre un 5,3% en Vigo

A taxa de criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre deste ano na cidade...