InicioPolíticaCaballero defende que desde Vigo "non se verte nin un centímetro cúbico...

Caballero defende que desde Vigo “non se verte nin un centímetro cúbico de auga sen depurar á ría”

O BNG afirma que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pechou a investigación sobre o saneamento na ría de Vigo debido a "un consenso entre o PP e PSOE".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que na cidade “non se verte nin un centímetro cúbico de auga sen depurar á ría”, e engadiu que “a depuración e saneamento é total”.

Así se pronunciou despois de que o BNG denunciase este martes que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pechou a investigación sobre o saneamento na ría de Vigo debido a “un consenso entre o PP e o PSOE”, a pesar de que na ría hai “reiteradas verteduras de auga sen depurar”.

Caballero remarcou que a depuradora inaugurada durante o seu mandato “fai que non se verta nin un centímetro cúbico de auga sen depurar”. “Se cadra é posible que en concellos gobernados polo BNG estean a facer verteduras contaminantes”, apuntou.

Ademais, ao ser cuestionado en relación aos comentarios do BNG de que non se fai separación de augas pluviais e non pluviais na cidade, respondeu que “esa condución vai á depuradora”. “Como non están non se decatan: non hai vertidos de pluviais e fecais directamente á ría en Vigo; en Vigo, non”, concluíu.

“Que non volvan dar ningunha rolda de prensa falando de contaminación desde a cidade, temos unha depuradora extraordinaria”, selou.

BNG

Nas súas declaracións, Caballero arremeteu contra o portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Xabier Pérez Igrexas, –quen denunciou o peche da investigación sobre o saneamento– ao afirmar que o edil “non é do BNG”. “No Concello de Vigo non hai BNG, é un concelleiro non adscrito, é o que son os tránsfugas”, espetou.

Pérez Igrexas considerou que o “disparate de dicir que o BNG non ten concelleiro en Vigo” obedece a que Caballero está “incómodo pola denuncia da fronte nacionalista de que o PSOE e o PP acordaron dar carpetazo” á investigación europea.

Neste marco, trasladou que se é concelleiro non adscrito é “por decisión unilateral do propio Caballero, que asinou un decreto no que impedía ilegalmente que o BNG e tamén Marea –constituísen os seus– propios grupos municipais”.

“É o pobo o que me escolleu, co seu voto, portavoz do BNG no Pleno, mal que lle pese; o problema non é que tente ofenderme a min ou ao BNG, o problema é que lle falta o respecto á cidadanía”, concluíu.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...